Premios, protocolo e confusión

Os premios e as homenaxes forman parte das relacións sociais necesarias en calquera comunidade. Un premio non é máis que a plasmación pública dun recoñecemento social a un traballo, unha traxectoria ou unha acción. Onte entregaron o Premio Príncipe de Asturias a un grupo importante de persoas, ben polo seu traballo, pola súa valía ou pola súa defensa de determinadas causas. Un destes recoñecementos, o do Deporte, foi outorgado á Selección española de fútbol. Como ben saben, non son moi amigo deste deporte, pero entendo que este ano o equipo español fixo couas importantes, como gañar as principais competicións nas que participou. Sen embargo, xurdiu unha polémica parella que realmente despertou a miña curiosidade. Nun primeiro momento, ningún xogador do Barcelona ou do Real Madrid podería asistir a esta entrega porque os seus adestradores non concederon un día libre para este acto. Estou seguro que ningunha empresa se arruína por permitir que un grupo de dous ou tres traballadores perdan un día de traballo, pero entendo a postura de Mouriño e de Guardiola. Eles son os responsables de controlar os tempos do seu equipo, e dado que cada sábado teñen o día principal de actividade, parece lóxico que se preocupen polas condicións físicas dos seus xogadores. Tamén entendo a postura dos presidentes, que ante un recoñecemento xeral de importancia, procuran ter a maior visibilidade social dos seus traballadores e, por extensión dos seus clubes deportivos. Polo tanto, comprendo que o adestrador diga que non e que o presidente acabe impoñendo o seu criterio para conseguir, que polo menos un representante, participe no acto de entrega. O que non entendo é postura dalgúns líderes de opinión que tiven oportunidade de escoitar estes días. Coido que é un erro levar ao terreo político todas as relacións humanas que se establezan nunha comunidade e polo tanto non comparto que se interprete a ausencia dos xogadores cataláns como unha afrenta ao Reino de España. Creo que o premio debe ser recollido, pero non por todo o equipo senón por un representante que perfectamente pode ser o adestrador, igual que pasa nos demais casos. Os premios á Ciencia, por exemplo, recoñece o traballo dun equipo personalizado nun científico que é o que recolle o galardón. Coido que se xerou unha polémica moi simplista, pero que oculta un rencor latente que leva anos subxacendo. Eu considero que os xogadores deben ser, ante todo, profesionais, cunha disciplina e cun responsable. Levar o concepto "patriotismo" ao terreo profesional provoca interpretacións terxiversadas, como a de entender que o Barça non quere enviar aos xogadores a un premio concedido polo Príncipe de Asturias. Por sorte, os dous adestradores impuxeron o seu criterio, limitando a presencia a unha soa persoa. Digo por sorte, porque demostraron que se pode facer o traballo dignamente sen sucumbir á dictadura dos líderes de opinión e dos medios de comunicación. Creo que un profesional responsable debe velar sempre polo ben de todo o equipo e da súa empresa, tentando que as presións externas lle permitan facer satisfactoriamente o seu traballo e, por iso, coido que a postura dos dous adestradores demostra unha preocupación polo seu traballo, máis que un interés político pola representación dos xogadores.

Comentarios