ABE RÁBADE. Músico

''Pontevedra se cadra é a gran esperanza''


Etiquetas: Abe Rábade, Jazz, entrevista

08/10/2010 - Belén López (Pontevedra)

Fundador do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, integrante do proxecto ‘Rosalía 21’, membro de Nordestinas e autor dunha louvada discografía, Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977), un dos músicos máis importantes do jazz galego (senón o que máis), publica agora ‘Zigurat’ (Nuba, Karonte, 2010). E fala con ilusión das ganas que ten de velo publicado en Xapón, «con esas grafías súas marabillosas», onde vende a metade dos discos que saca no estranxeiro, e da posibilidade de lanzar unha serie limitada en vinilo para repartir entre os amigos. «Que lle queres, son un romántico».

Que é ‘Zigurat’?

‘Zigurat’ é o título do meu último disco a trío e zigurat é tamén o nome dunhas construcións da antiga Babilonia, que viñan a ser como pirámides escalonadas. Eu emprégoo aquí a modo de metáfora para sinalar a importancia dos procesos por riba dos fins. E aquí estoume referindo a proceso nun sentido moi amplo: falo do proceso musical, do proceso artístico, pero tamén do proceso vital. Con este traballo, entre outras cousas, consolidei un trío con Bruno Pedroso e Pablo Martín.

Porque sen dúbida é vostede un home de tríos.

É que o trío é a mínima expresión de grupo posible. O dúo en realidade sempre acaba por ser a reunión de dúas personalidades musicais fronte a fronte e non se pode dar así un concerto de grupo propiamente. O trío é a formación esencial. Piano, contrabaixo e batería para min representa o formato máis cómodo sen dúbida ningunha. De feito, cando teño que abordar instrumentacións máis amplas, como a do meu anterior disco con Karonte, que era a sexteto; ou o primeiro volume de Ghu! Project, que era un disco a quinteto; ou un disco que se vai editar agora no mes de outubro, que é un traballo coa cantante portuguesa Joana Machado, que é cunha banda moito máis ampla, en todos eles, por moi grande que sexa a instrumentación, para min na esencia, no núcleo central, sempre está o trío.

Alguén que ten dito que «o jazz é case como unha relixión», só podía titular un disco co nome dun templo.

(Ri)Si, ben, non deixa de ser un xogo, aínda que recoñezo que me considero unha persoa profundamente espiritual. O que habería que aclarar é que se tivese que practicar algunha relixión sería algunha así como o sufismo, unha que integra a espiritualidade das relixións e renuncia a aquelas cousas nas que as relixións se teñen convertido ao longo da historia, algo que a min me parece deplorable. De feito, vivimos un momento no que a relixión maioritaria neste noso país mantén unhas posicións en case todos os aspectos en praticamente todas as cuestións sociais de interese son demenciais. Cando digo que o jazz é case como unha relixión emprego unha metáfora para diferenciar o jazz do que sería estrictamente un estilo musical. Porque se ben é certo que calquera estilo leva parella unha forma de vida, no jazz o asunto vai se cabe aínda máis alá porque a priori non é unha música de masas, é moi raro que encha estadios. Isto leva a que, en certa medida, teña que ser descuberto por parte de quen o escoita. Os afeccionados ao jazz son afeccionados a algo que descubriron e aprenderon a valorar por si mesmos: é algo no que te inicias e ao longo do tempo vas profundizando. A priori non é sinxelo acceder a el. Nese sentido é onde quizais se asemella máis a certas prácticas ou ritos relixiosos. Pero non deixa de ser unha metáfora. Tampouco estou tan mal da cabeza (ri).

E eu que lle ía propoñer a redacción dos dez mandamentos ou a proclamación dalgún líder espiritual do tipo Miles Davis e aquilo de “na música e na vida todo é estilo”.

En todo caso habería que aclarar que o jazz sería sempre unha relixión politeísta. Ten que ser así. E non ten mandamentos porque non hai dogmas e porque, volvendo ao sufismo, establecería a renuncia á cerrazón mental. Unha cousa marabillosa que ten o jazz e que tamén o diferencia doutras músicas é que é practicada por minorías e dirixida a minorías pero que remata por ser global. E cada vez máis. O material co que traballamos, toda esa chea de temas standard, é algo fantástico que nos pon de acordo a músicos de todo o mundo, conectamos, sen coñecernos apenas! Aquí o oído é fundamental, o sentido do ritmo é fundamental, e case todos os elementos da música están explorados ata as súas últimas consecuencias. E por todo iso eu penso que o jazz é dos estilos musicais máis poderosos que existen, dos que máis profundizan na esencia mesma da música. O que está claro é que tes que empapar a túa vida del se te queres adicar a isto.

“O jazz é a única arte que vai directamente ao corazón” seica dixo algunha vez Woody Allen.

Eu estaría de acordo. Aínda que tamén che digo unha cousa: chegado a un punto a música é música. Ou mellor: a boa música e boa música. Quero dicir que hai que liberala de etiquetas. O jazz é fantástico, pero pódese ver tamén como un punto de partida para apreciar outros estilos. A ver, eu penso que no fondo que o jazz é unha música que sempre está integrando outros discursos e outras tradicións. Digamos que é un grande axente para a maleabilidade. Poñamos por exemplo Jimmy Hendricks. Ou poñamos Jean Sebastian Bach. Calquera. Todos poden ter unha abordaxe jazzística sempre. Iso é o fantástico do jazz, que é un prisma, un prisma a través do que poder mirar moitas outras músicas.

É un estilo a priori minoritario e, sen embargo, en Pontevedra, cada verán, os concertos do Festival de Jazz reúnen a unha cantidade de xente que para si quixeran algunhas das estrelas do rock e do pop que veñen nesa mesma época.

O que pasa é que Pontevedra é se cadra a grande esperanza, a grande excepción. En certa medida porque o festival está moi consolidado, leva moitos anos programándose, e en grande medida porque se nota a labor que vén levando adiante o Seminario Permanente de Jazz (SPJ) nos últimos dez anos. Sempre que se crea un movimento social pequeniño nun lugar, como o que se pode dicir que se creou co SPJ en Pontevedra, sempre leva parella a creación dunha pequeniña tendencia. Estoume referindo por exemplo a familiares de músicos, a amigos, que acaban sendo asiduos das actividades relacionadas co jazz. A nivel galego, o de Pontevedra probablemente é a día de hoxe o público máis cultivado e o máis comprometido coa asistencia aos concertos. Por outra parte, o jazz é un estilo a priori minoritario si, pero o máis importante aquí é que a xente o escoite libre de prexuízos e que deixe voar a imaxinación. Só por puntualizar, porque ás veces insístese demasiado, falando do jazz en concreto, en que hai que saber, hai que saber, hai que saber... E o que hai é que deixarse levar.

Hai un antes e un despois da creación do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra ou isto é moito dicir.

Uf, quizais non debería ser eu quen responda a esta pregunta. A min gustaríame moito que así fora evidentemente. Eu o que podo asegurar é que o espíritu deste seminario, que naceu en Cangas e que se trasladou posteriormente e se asentou en Pontevedra, era o de abrirlle camiños aos músicos novos que tiñan interese en profundizar nesta música tiveran un lugar no que facelo e os que quixeran adicarse profesionalmente a isto tiveran de man a dúas persoas que xa o facían, que eramos Paco Charlín e máis eu. Ademais queriamos abrirlle a posibilidade de conectar con outras xentes da Península e doutros lugares do mundo como Nova York. En definitiva, nós o que queriamos era que esos rapaces viran o camiño fácil. E se non fácil, porque fácil non é nunca, alomenos posible. Tratábase de quitar as barreiras que había. É que neste país chamado Galicia sempre tivemos instalado no subconsciente colectivo unha especie de sensación de inferioridade con respecto a outras partes do Estado. Sempre había que ir a Madrid ou a Barcelona. Pero apareceu un grupo de xente, entre os que me inclúo, que nos 90 decidimos marchar a estudar aos Estados Unidos. É dicir, atallamos. Nós cremos que non é necesario ter esa especie de relación de vasallaxe coa capital do Estado ou con Cataluña. En Galicia pódense facer cousas perfectamente e os modelos pódense importar de moitos lugares. Isto é algo que é aplicable a calquera cousa, non só ao jazz. Vivimos nun país que ten un potencial marabilloso e parece que nolo teñen que vir dicir os demais. E nós non facemos nada. Así que no seu día Luis Carballo, Paco Charlín e máis eu o que quixemos foi que en materia de jazz este país se puxera as pilas. Algo pódese dicir que conseguimos.

5'0 (5 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

Abe Rábade
Abe Rábade