POL e PXOM, tempo de regueifas

Regueifa é palabra con significados varios. Podemos chamar así ó pan de vodas, a unha rebanada de pan de millo e doutras fariñas e a moitas outras cousas; pero desta volta ímonos referir á regueifa ou enchoiada, especie de diálogo sostido que cantan normalmente un mozo e unha moza, ou simplemente varóns, por medio de coplas improvisadas, a xeito de desafío ou retesía. Poden ser loitas de amor, de cortesía ou de agudeza, nas que cada cantor comeza a súa intervención, normalmente, polo último verso da improvisación do contrincante, e así vai a enchoiada, que pode estar marcada incluso por unha certa renartería ata demostrar cal das partes ten máis inxenio. Anque corresponden a concursos lexendariamente exclusivos da mocedade aldeáa, o certo é que podemos estimar que, na información do tempo político que vivimos, algús dos nosos representantes, nas súas informaciós e desinformaciós, actúan en clave de regueifa. O POL [Plan de Ordeación do Litoral] e o PXOM [Plan Xeral de Ordeación Municipal] están neste momento no campo da regueifa política. Terán que nó-los explicar por activa e pasiva, con transparencia que de momento non vemos. E hai algo en ambos plans que o elector ten que ter moi en conta: a defensa do capital natural, porque o home non pode compromete-la fecundidade do chan, nen a do mar, algo a ter en conta con ambos instrumentos; mais parece que imos polo camiño de facer bo o discurso de Pérez-Reverte, que me permito traducir: “España é un país gozosamente inculto, deliberadamente inculto… […]” ou o que “España non é pola nosa estupidez de sempre”, algo que a nivel local está a acontecer no noso entorno, sen que nen POL nen PXOM mostren unhas auténticas claves de rexeneración ambiental. E se o BNG pontevedrés tenta promovere unha campaña de alegaciós contra o POL, o conselleiro de Medio Ambiente achégase á cidade pra acalmar ó persoal, quitar ferro ás acusaciós do concelleiro de Infraestructuras local. O macronudo de Mollavao, unha das actuaciós máis agresivas [máis regresivas] en relación coa ría, parecía estar en fase de solución, pero o ministerio de Fomento [o mesmo que pulou polo tren d´Os Praceres sentenciado como ilegal] mantén o proiecto; está polo que se ve na línea do discurso de Pérez-Reverte e de xeito deliberadamente inculto quer incidir coesa obra en apoio de presuntos intereses contrarios á ría como espacio natural e ricaz. Ó mellor de xeito máis “explosivo” que o Xynthia que está a pasar cando fago este traballo. Pero da recuperación do litoral parece que soamente fala Telmo Martín, que propón a recuperación das marismas de Lourizán, da praia de Pontevedra, mesmo a retirada da autovía que esa rexeneración conlevaría. E tamén resulta interesante a idea de construire un metro lixeiro Pontevedra-Marín. Precisamente en tranvía acodía ás marismas de Lourizán na miña infancia, á que el propón como praia de Pontevedra, que sería un revulsivo na involución ambiental marcada polas distintas camadas políticas. Si fala en serio. Nun dos seus tempos de regueifa, Mosquera perguntouse se o POL estaría realmente “cruzado” coa Lei de Costas, circunstancia que tampouco apreciamos en relación co PXOM, nen que teñan redactado a Axenda21Local. ¿Estamos na Europa das cidades sustentables, sí ou non?. A sospeita que temos diversos colectvos cidadáns é que nengún dos tres partidos está a actuare con seriedade i en clave de país e que, de cada volta, estamos máis lonxe de Europa porque as diversas políticas, a gobernación de España e a das cidades en xeral, conducíronnos a unha situación de insustentabilidade. Pode que non todo estea perdido, mai-la esperanza faise vouga e hai un certo medo que pode mesmo traducirse en pasión dominante. Cambiar de orientación demandaría confesión de culpas e unha eclosión de información sobre o POL e o PXOM. As regueifas pra outra ocasión. Están ben prá festa. Na aldea.

Comentarios