Occidentais
08/09/2010 - Xan Sabarís
Cruzarse con occidentais pola rúa en Pequín é un acontecemento de puro azar. Máis alá das zonas onde adoitan apiñarse, unha especie de parques temáticos que pouco teñen que ver coa realidade chinesa, é realmente difícil atoparse con alguén que non teña os ollos rasgados. Nin sequera, en zonas turísticas, nesta época do ano, teñen unha presenza mínimamente notable. Só excepcións concretas. Pero, cando dous expatriados se atopan pola rúa, fóra dos seus respetivos oasis, prodúcese unha curiosa e rutinaria liturxia: entre decenas de chineses cruzan miradas por un brevísimo espazo de tempo, como dicindo “hei, que hai?” e, despois, cada un polo seu lado. En centésimas de segundo dáse unha situación lixeiramente incómoda con esas miradas sostidas. Como se dous coa camiseta do Celta se cruzasen no medio de Castilla sen dicir nada, pero sentindo a obriga moral de dicirse algo e sabendo o que pensa cada un. Percibindo sempre ese minúsculo pero notable silencio de aprobación. Un occidental no medio dunha marea de chineses é como a luz dun faro. É a única cousa nítida que se ve ao lonxe, como se o cerebro se encargase de procesar e desenfocar o supérfluo. É algo no que case sempre resulta imposible non pousar a vista. É case que hipnótica. E vela vir achegándose a cámara lenta, facéndose cada vez máis grande, ata que, finalmente, salvas a costa e o tempo volve correr ao seu ritmo habitual.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.









