Rúas
03/09/2010 - Ramon Rozas
As nosas rúas estarán hoxe cheas de xente. Un bule bule de alegría e diversión. Almas vestidas doutro tempo sen máis pretensións que a de pasar un bo día, lonxe de preocupacións e tolemias deste noso mundo, das que nós mesmos temos moita culpa. Este ano esta viaxe no tempo será moi diferente xa que non estamos todos, e o peso dunha ausencia como a de Sonia fará desta Feira Franca unha edición moi especial. Ningún sorriso será de todo alegre, ningún brindis levará consigo un desexo completo, ningún baile será feliz, xa que todos estaremos pensando nela. Aínda así Pontevedra volverá a presentar a súa faciana festeira, esa da que tan fachendosa se amosa ante os demáis, e a que a leva a ser a raíña do entroido en Galicia, xa non só do inverno senón tamén deste invento de verán que cada ano medra máis. Pouco hai que lle guste máis a un veciño desta vila que poñer un disfraz por riba, mudar o seu aspecto durante unhas horas, e saír á rúa a festexar o sentido de comunidade que esta cidade, feita e pensada á medida do home, pode ofrecer. Camiñantes, mercaderes, labregos, feirantes... e o que a imaxinación propoña, que xa nós disporemos para converter a esta vila nun mundo doutro tempo ata o que se irá o noso maxín, un mundo de evasión do cal temos que disfrutar minuto a minuto, xa que esto remata axiña. Hoxe todos á rúa, aínda que nos falte ela.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







