O discreto pracer de cada día
02/09/2010 - Miguel Suárez Abel
Opesimista di que o único bo que aporta a vellez é o desconto no transporte público. O resto, miseria: perda de facultades, de memoria especialmente, de ilusión, achaques na saúde... Unha pena. Sen embargo, estudos neurolóxicos recentes non pensan o mesmo. Si resulta evidente que a partires dos trinta anos xa a nosa memoria comeza o seu descenso, que despois dos cincuenta o físico entra nun proceso de desgaste e que entrados nos sesenta incluso a nosa función executiva decrece. Pero coa vellez gánanse aspectos que non nos deberían desanimar. A bioquímica cerebral non é idéntica a unhas idades ca a outras. Así como na mocidade impera a radicalismo, porque a bioquímica do mozo non lle permite tomar distancia fronte aos feitos, de aí a insatisfacción como marca do anos de xuventude, durante a vellez a bioquímica proporciona estabilidade emocional. Conséguese unha maior temperanza diante da adversidade. Coa madurez vaise adquirindo unha visión máis positiva da vida, hai máis posibilidade de gozar do bo e relativizar o malo. Avanzar na madurez debería ir acompañado de maior temperanza, sentido do humor, flexibilidade, capacidade para contentarse co que está ao alcance, facilidade para ver o bo onde só puidera parecernos que todo era malo. Por iso a variación nos obxectivos dunha idade e outra. Mentres un se sente novo, corre detrás do éxito. Do subidón. Da euforia e da paixón que pode facer esbourar todo nun momento. Entre os mozos franceses está moi de moda a expresión j’ai éclaté , eu me estalo, rebento, escacho na entrega emocional do grupo, me deixo levar pola comuñón de participar nun momento de explosión, de disolución case, religándome a un grupo que participa de idéntica eclosión. A xuventude corre detrás do momento, dos subidóns do éxito visible, palpable e que cega. O éxito. O pracer intenso. O goce inenarrable forman parte da esencia xuvenil. Chegada a madurez, a tensión vai detrás non tanto do éxito canto dunha felicidade razoable, relativa, soportable. A estabilidade pesa máis que a excitación momentánea, nin o esperado é dunha potencia que cega nin o fracaso merece a desesperanza nin o abandono ao absurdo. Os anos ensinan a saber valorar pequenas cousas, detalles, regalos cotiás que pasarían desapercibidos se non fose pola aprendizaxe que nos foi exercitando a contentarnos no pouco, no diario. Satisfaccións íntimas que noutra época nin nos decatariamos delas, ou nos producirían riso, agora son fundamento do benestar. Un paseo, unha posta de sol, a auga envolvéndote mentres nadas, unha sombra que aparece no momento no que máis te abrasabas, a chamada dun amigo do que había anos te distanciaras, a posibilidade de visitar aos teu pais aínda máis vellos, a caída do serán, unha caricia tenra, inesperada, a felicitación sincera dun colega, as primeiras chuvias... Os detalles do día a día son a dieta do benestar, do goce máis elevado. Na madurez un confórmase con pouco, todo lle sabe ben , non se esaxeran nin se converten en absolutos o fracasos, xa se sabe que todo pode ser peor. Pero para gozar destes praceres de cada día, nada como manterse aleutos e con ganas de aprender. Cada actividade que se aprende, sexa a idade que sexa, establece novas conexións neuronais, de maneira que permanecer en disposición de aprender situaranos sempre na posibilidade de seguir aproveitando as vantaxes da vellez. O discreto pracer de gozar das cousas de cada día non está ao alcance de todos, nin tan sequera de todos os maduros e vellos, pero non convén esquecer que a predisposición maior aparece a esa idade para todos. Poida que sexa esta unha visión de consolo para os que van perdendo vitalidade e facultades. Non me estrañaría. Xa se sabe que o cerebro míntenos con moita frecuencia e inventa que da gusto, pero tamén é certo que ese mesmo cerebro é un experto en nos dicir o que necesitamos para subsistir. E parece claro: ante a vellez, o pracer das cousas de cada día. E para poder gozalas: non deixar de aprender, calquera nova actividade que incorporemos ha ser de beneficio para non deixarnos caer no desplome do tempo.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







