Tres preguntas


Etiquetas: Miguel Suárez Abel

29/07/2010 - Miguel Suárez Abel

Primeira: ¿Canto lle hai que pagar a un banqueiro ou a un alto executivo para que se sina ben pagado? Segunda: ¿Canto ten que cobrar un político para que non teña a tentación de roubar? Terceira: ¿Canto terán que se endebedar os equipos de fútbol antes de que esboure a burbulla na que están metidos? Eu non coñezo de nada a traxectoria profesional do sr. Hayward, Tony igual ca Blair, pero chegando a onde chegou, conselleiro delegado de BP, supoño que contará cunha intelixencia elevada, unha preparación esmerada e unha experiencia sen mácula. Que se lle afundise unha plataforma coas consecuencias que todos coñecemos non é algo que lle poda pasar a calquera, porque evidentemente non chega calquera a conselleiro delegado de BP, pero é comprensible que lle pasase, as desgracias xa se sabe que aparecen aínda que non se busquen, e non imos agora cebarnos no mal alleo. Pasoulle. El era – é, de momento- o alto executivo da empresa e tivo que lidiar con tan grave problema. Que o resolvese mellor ou peor tampouco é asunto no que conveña meter demasiado o dedo na ferida. Calquera sabe cómo se solucionaría se en vez de estar o sr. Haywar, Tony, estivese outro, poida que aínda estuvese agora sen pechar o verquido, calquer sabe, co que seguirían correndo ríos de petróleo polo resto dos séculos no Golfo de México. Sexamos considerados, admitamos que ás veces o azar xoga malas pasadas, que non todo é imprevisión nin mala xestión. Situados nesta posición tan pouco crítica e belixerante, ¿que debería facer o sr. Hayward, Tony, despois de catástrofe tal? Como todos sabemos, pola altísima responsabilidade que o sr. Hayward ocupaba – e ocupa, de momento- en BP, tiña un salario fóra dos humildes cálculos que vostedes amables lectores e máis eu podemos facer. Por iso non me deterei en repetir cifras que, chegados a tal número de díxitos, se escapan da nosa doméstica economía. A razón de tan extraordinarias remuneracións - entre outras, a de lograr que noutras épocas o que agora son perdas fosen ganancias para os miles de accionistas- está na altísima responsabilidade que ten que soportar un cargo así, por exemplo que unha perforadora se lle funda e cause 11 mortes e un desastre ecolóxico de incalculables prexuízos. ¿Que debería pasar co sr. Hayward chegados a este punto? Parece lóxico: irse para a casa con todo o que leva ganado durante os anos de servizo á empresa e dedicarse ó que máis lle guste, ben comezar a traballar de novo (relacións non lle han faltar) ou dedicarse á familia e ós praces da navegación (como parece que nalgún medio admitiu desexar o sr. Haywar, Tony). Pois non. O sr. Hayward, Tony, dise que deixará o seu cargo para primeiros de outono, pero... cunha indemnización de un millón de euros e 715.000 euros anuais de pensión. E a posibilidade de seguir traballando na TNK-BP de Rusia, onde, supoño, non regalará os seus altos coñecementos adquiridos durante todos estes anos. A ver: esquezamos os iates de medio millóns de euros, esquezamos a indemnización, a pensión á que terá dereito, as participacións na empresa, esquezamos todo e pensemos só na pregunta primeira: ¿cando estaría realmente ben pagado o sr. Hayward, Tony? Non ten malicia a pregunta, é que realmente non sei onde está o límite. ¿Non hai mecanismos que limiten ganancias tan pornográficas? ¿Non debe habelos? Así nos vai. Coa segunda pegunta xa non me estendo. O razoamento é sencillo: ¿Deixa un alcalde de estar tentado pola corrupción se cobra a partires de 60.000, 70.000 ou 100.000 euros ó ano? ¿Que argumento é ese de que hai que pagar moi ben ós políticos para que non exista unha administración corrupta? ¿Son, seguindo o razoamento, máis corruptos os funcionarios que cobran mil euros ó mes? ¿Non será que o problema da responsabilidade e o da corrupción, superado un nivel de remuneración aceptable, non se resolve por máis que se incremente o salario? ¿É máis eficaz, máis responsable e cabal a actividade profesional do sr. Hayward por permitirse un iate de medio millóns de euros? ¿Sería menos dados á corrupción os políticos se subisen escandalosamente os seus salarios? Por último: ¿Agardaremos a que toda esa contabilidade artificial, esas débedas á facenda que a ninguén se lle consinten, en fin, que a burbulla do fútbol esboure igual que o fixo a do ladrillo, para logo dicir que xa todos o viamos vir? Tres preguntas que poden parecer desconectadas, pero que están atravesadas por un fío fino e poderoso común: a responsabilidade, o entretemento social e a diminución da corrupción non se conseguen gastando cantidades desproporcionadas de cartos nin creando diferenzas ofensivas para a maioría dos cidadáns.

4'5 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>