Regreso ó fracaso
12/03/2010 - Miguel Suárez Abel
Contaba Pérez Reverte nos días anteriores á publicación da súa última novela, que nada lle resultaba tan aburrido como revisar probas. Esa tarefa tan pesada e laboriosa na que un se desgasta sen éxito, pois na busca de erros pasa por riba deles dúas, tres e máis veces sen decatarse de incorreccións absurdas. A min ocórreme igual. Agora que estou coa corrección da novela que está a piques de saír ás librerías – non sen tempo, pensarán - , non se imaxinan o que sufro intentando ler de novo o que xa soñei, elaborei, escribín, rectifiquei e dei por rematado. Comprendo que é un traballo imprescindible, a pesar de que por máis que se repase seguro que se cometen erros de vulto, pero sabelo non me aforra a incomodidade de ter que baixar a dificultade para peneirar o máis groso das erratas que seguro cometín por despiste ou obsesión. Porque eu creo que o problema é de obsesión. Tanto nos preocupa a trama, a coherencia dos personaxes, a vida que pretendemos transmitir, que un til, unha concordancia, unha aliteración ou calquera outra errata pásannos desapercibidos por insignificantes, tan absortos estamos co que nos parece esencial. E furando no fundamental, volvemos ó fracaso. Mentres releo comprobo que o que se conta é a historia dun fracaso. Un estrepitoso e curioso fracaso. ¿Por que esta tendencia a contar fracturas, dores, vidas estragadas? ¿Por que se contan máis historias de vida tronzadas, tolleitas, esnafradas? ¿Como é que aínda cando na intención primeira o que se pretende narrar sexa unha vida plena, de éxito, leda, optimista e feliz, a pluma – o teclado- se vai escorando cara as tempestades, a tormenta ou a chuvia mansa que o vai tinguindo todo de grises, negro, relampos violentos? Michael Eisner di que a vida do triunfo non interesa porque é mediocre e previsible, moi aburrida, mentres que do fracasado sempre resulta un relato persoal. Pero antes del xa Homero nos avisara de que os deuses tecen o infortunio para que as xeracións vindeiras teñan algo que contar. E Borges persistía en que da felicidade nada hai que contar, xa ela é un fin en si mesmo e non precisa transmutala en beleza. E así podería citar a cantidade de autores que manteñen idéntica posición: da infelicidade, do fracaso é do que se alimenta a literatura, a arte, pois da ledicia e da felicidade plenas pouca beleza podemos extraer. Xa non digamos do éxito tal e como se entende, pois nada ten que ver cos heroes, eses si dignos de ser contadas as súas vidas, pero porque loitan coa adversidade, han superar dificultades, voan por riba das miserias detrás do ben. A vida está tecida de azar e en moitos casos resulta inexplicable. A ciencia arrinca a cada paso, e cada vez con máis precisión, anacos do inexplicable. Pero o misterio gurra en permanecer, en xogar con nós ás agachadas. Cando dobramos unha esquina e nos parece que demos un paso enorme, que o demos, de súpeto, como a traizón, outra vez a escuridade, a ansiedade a dor preséntanse diante esixindo aclaración. É aí onde aparece a necesidade de narrar, de explicar o inexplicable dende outros parámetros distintos ós da evidencia, do contraste por métodos deductivos, onde ten sentido a arte que lanza as súas cores, os seus sons e as palabras para tratar de explicar o inexplicable, para afondar nesa zona de dor, escura, inescrutable, da que todos temos noticia. É moi probable que por isto as novelas vaian sempre detrás do fracaso. Que volvan e remexan en situacións que xa están contadas, ninguén descobre nada, pero que non nos fartamos de escaravellar nelas porque seguen resultando un engado para a nosa curiosidade, para comprender o mundo e entendernos algo a nós mesmos. Certo que os artistas non teñen respostas claras, que son a maior parte das veces seres ansiosos e obsesivos que o máximo que fan e compartir con nós a súa ansiedade ou as súas obsesións máis fondas, pero nesa entrega, ó ensinarnos con luz ou color, con figura ou palabra o que lles gurgulla, o que os retorce, están iluminando a escuridade, amosando unha liña que tropeza coa nosa, entregándonos as palabras que casan coas nosas en idéntica escuridade, desasosego, dor. Os escritores volven ó fracaso, porque como dixera Francisco Brines, mentres mordemos con rabia no infortunio imos enchendo unha cunca de cinzas coas que soñamos que estamos vivos, a pesar de que viaxemos ás apalpadas nunha barca que nos conduce da néboa á néboa.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







