«Se formasemos parte do sistema universitario teriamos máis posibilidades»

Restauración custodia ao 'Alemán' de Camelle

A escola pontevedresa garda e prepara as obras de arte de Man de Camelle para a exposición permanente do seu legado que se instalará en Camariñas o vindeiro mes de xuño
Unha alumna traballa na restauración dun cranio de golfiño
photo_camera Unha alumna traballa na restauración dun cranio de golfiño

 Silvia Lorenzo sostén un cranio de golfiño. Ten restos de pintura verde e algo de humidade pola parte interior. Por iso, esta alumna de 4º curso de Conservación e Restauración trata de consolidar o óso que outrora recolleu Manfred Gnadinger, tamén coñecido como Man de Camelle ou, simplemente, O Alemán.

As crebas, a inmensa colección de fotografías, as pinturas e máis outros documentos propiedade de Man están almacenados nunha das salas da Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra ata que se inaugure en xuño a mostra permanente co seu legado en Camariñas. «É hora de que Man sexa valorado como artista e non só como aquel home de Camelle que andaba en taparrabos e morreu tras a catástrofe do Prestige», explica Carmen Hermo. Ela é a profesora encargada do proxecto de restauración e almacenamento e leva anos vencellada á Fundación Man de Camelle. «Todo o legado do artista estaba gardado na sede desta entidade, por iso chegamos a un acordo co Concello de Camariñas para traer as pezas á nosa escola e almacenalas en mellores condicións así como restauralas», explica. O proxecto xurdiu para que os alumnos que cursan as materias de Escultura e Pintura Contemporáneas puidesen realizar as súas prácticas sobre estas pezas.

«Tanto pola súa calidade técnica como pola variedade de materiais, estas pezas resultaron moi útiles e interesantes para o alumnado», explica a mestra. Na mesma sala na que Silvia restaura un cranio de golfiño, Giovanni Caviale toma unha fotografía da columna vertebral doutro cetáceo que aínda está sen restaurar. O oco entre as vértebras está cheo de area. «Despois reunimos os datos nunha ficha para cada peza e poñemos as imaxes de antes da restauración e de despois», conta Hermo.

Uns pisos máis arriba están as alumnas de Pintura Contemporánea traballando sobre varios autorretratos do alemán. Nalgúns deles, o artista aproveitou un tecido polas dúas caras para pintar o seu rostro e, arredor da pintura, colocou restos que o mar arrastrou ata a praia. Estrella García restaura outro retrato do alemán, esta vez sobre madeira. Unhas diminutas follas de fento case despegadas e un anaco de madeira chea de buratos por mor do teredo navalis -un molusco que converte a madeira nalgo parecido a un queixo Gruyer- decoran as marxes da pintura. Os restos de pegamento indican outros puntos do cadro onde houbo máis elementos adheridos.

O almacén da escola garda unha morea de caixas apiladas con fotografías, cartas e outros documentos. Entre eles, unha morea de libretiñas nas que as persoas que visitaban o xardín museo de Man deixaban as súas mensaxes. Nestes libros de visitas, Man gardaba o nome de cada visitante, a data e un debuxo que lles pedía do seu xardín ou del mesmo. Máis dunha decena de caixas acumulan libretiñas deste tipo xa catalogadas e aínda quedan outras tantas por arquivar.

A outra parte do seu legado quedou á beira do mar, na praia de Camelle, aínda que os sucesivos invernos van dando cabo del. «É un final moi fermoso para un romántico alemán, volver de novo ao mar», conta Hermo.