Benestar sen sol
02/07/2009 - Miguel Suárez Abel
Dende a segunda metade do século pasado mantense o mito: mirar para o norte, para os países escandinavos, era envexar e soñar cunha sociedade culta, igualitaria, respectuosa, democrática e preocupada polo ben dos cidadáns. Suecas non só era sinónimo de liberdade sexual, independencia e saúde, senón tamén de investimentos en servicios socias, educación e reparto da riqueza. Pasados os anos, máis ou menos igual: seguimos mirando o sistema sanitario de Dinamarca, as atención á mocidade e á vellez dos suecos e ós magníficos resultados dos informes PISA que conseguen os estudantes fineses, sen esquecer o valorada e solicitada que está a profesión de ensinante neste país. Ademais, claro está, da facilidade coa que innovan, progresan e se manteñen nun elevado nivel económico, sen renunciar ó seus magníficos bosques e lagos, demostración de que progreso e conservación da natureza non son incompatibles. Coma se os nosos ollos houberan de mirar detidamente ó norte, de alí chega o compás que nos ha dirixir na saída desta tormenta, deste navegar á deriva. Mais ultimamente miramos tamén por un fenómeno que xa escapa do literario: a transcendencia das obras de Larsson, ese Milennium que converte as librerías en quioscos onde regalan rosquillas e atrapa ós lectores como desexariamos todos – ¡todos!- os que algunha vez escribimos unha novela. Confeso que non lin a triloxía. Pero o que lin paréceme suficiente para deducir que, crítica literaria fóra, Larsson soubo imprimir nas súas abundantes páxinas dúas claves imprescindibles para calquera obra: manter a tensión sen aburrir debido á técnica de intriga e suspense que manexa, ás veces groseiramente, de xeito moi efectivo, e tocar nos fíos dalgúns elementos que conforman a transformación social do momento, algo tan achegado e evidente que é capaz de motivar a tantos lectores. ¿Cales son eses fíos? Coincido con Gerard Costa en que na figura de Lisbeth Salander vive un daguerrotipo do futuro que nos agarda, un retrato das xeracións novas ás que excluímos do porvir e que rexeita canto lles ofrecemos. Un daguerrotipo que moi seguro se converterá na icona dos próximos anos, ó mercado nada se lles escapa. Do norte está chegando, ademais da idea de benestar, unha friaxe calculada, un sexo mesturado en violencia e pasado escuro e unha intelixencia cínica que se defende coas armas do momento (información informatizada) dunha podremia que xa cheira. Chega un aire xélido de carencia de normas, de ignorancia de sentimentos e de desconfianza do futuro. Nada será mellor. A vida réxese por impulsos básicos, elementais, de supervivencia. Función simples, inmediatas, desprovistas de finalidade altruísta ou crenza en algo mellor. Un desencanto acedo, unha noxenta realidade rica –pobre- que non garante mellores tempos. Pero ese aire non chega só das páxinas de Larsson. Tamén Paasilinna, máis irónico, cun sentido do humor finísimo, ese ex gardamontes, ex periodista, ex poeta, agora novelista de éxito con obras como Delicioso suicido en grupo ou La dulce envenenadora , describe unha Finlandia que en nada reflicte a cultura deses mozos que sacan as mellores cualificacións nas probas PISA das que falabamos ó comezo. Nin a mocidade baleira, aproveitada e sádica coa vellez, nin o conxunto dunha sociedade que mantén unha relación tan autodestructiva, tan arrimada ó suicidio, aínda que Paasilinna se encargue de adobiala de esperanza en base ó contraste entre traxedia e humor, parecen dar indicios dun norte equilibrado e satisfeito. E, por se fose pouco, outro escritor de éxito rotundo, Mankel, coa súa última obra, El chino , incide tamén nas miserias e podremias da violencia e das carencias da xustiza, que tan ben el coñece por antecedentes familiares. Temos, así, unha pequena mostra dun aire frío, violento e pouco esperanzador que nos chega do norte. De alí, de onde sabemos das asistencias sociais plenas, de onde a liberdade e o respecto ós dereitos de todos se impón mellor que noutras democracias, onde o reparto e a igualdade está mellor conseguida que en ningures, de onde parece que o benestar está garantido, de alí chegan avisos dunha descomposición social que non promete mellores anos. Se cadra é que a ese benestar fáltalle o sol, un sol que, non nos enganemos, para os que carecen dos servizos cos que eles contan, tampouco serve de nada (acórdense de Los lunes al sol). De tódalas maneira, mágoa que Larsson nos deixase tan axiña gastado na súa obsesiva creación, porque se cadra non era mala idea que instalase a Lisbeth Salander unha boa tempada no sur, ó sol, serena , en lugar de paseala tanto dun lugar a outro. Para min que esa rapaza pasou moito frío.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.







