Todos somos Berlusconi


Etiquetas:

11/06/2009 - Miguel Suárez Abel

¿Como é posible, pregúntanse columnistas, comentaristas, analistas políticos, que no país de Eco, Tabuchi ou Giovanni Sartori, só por citar algúns, repita éxito electoral un personaxe coas maneiras de Berlusconi? ¿Como, fártanse de darlle voltas filósofos, políticos da esquerda e pensadores críticos, unha sociedade coma a italiana, rica, culta, emprendedora, soporta os escándalos e frivolidades dun personaxe así? Giuseppe de Rita, sociólogo que pretende non moralizar, dá algunhas das claves que me parece se achegan á explicación máis realista. É certo que xa Sartori e o falecido Vázquez Montalbán levaban anos prevíndonos contra os perigos da “telecracia”, o omnipotente poder de concentrar nunha persoa os medios audiovisuais dun país, coas desgracias que para a democracia iso arrastraría. Pero non só, como defende de Rita, o control dos medios de comunicación explican o éxito tan difícil de derrubar do líder italiano. Parece comprobado que hoxe para ter un poder tan excesivo é concentrado é preciso seguir o camiño da verticalidade, da persoalización, do control mediático, quedou dito, e, claro, ter tantos cartos como ten Berlusconi. Reunidos todos eses factores, ós que a el non lle falla nin un, é difícil que se lle escape o poder, sobre todo se vivimos nunha sociedade individualista e relativista como o que nos toca. ¿Que vende Berlusconi? ¿Que garante? A posibilidade de facer o que a un lle dea a gana. Confirma no ideario colectivo a posibilidade de que se cumpran os desexos ocultos de tódolos sesentóns se tivesen ocasión, de tódolos ambiciosos, se puideran alcanzar o poderío económico que el conseguiu, a promiscuidade que tódolos machos aplicarían se houbese ocasión. O morbo, os escándalos (?), as esmorgas que el se pode permitir son as que a todo individuo con poder e medios e sen ter que render contas a ninguén levaría a cabo. Berlusconi non fracasa porque é a expresión do individualismo extremo. A confirmación desvergonzada do que farían moitos na súa situación. Parece que ser un mesmo é facer o que lle dá a gana. Facer o que nos peta convértese na doutrina que impera no interior da maioría dos seus votantes. ¿Non andarías ti, pensa o traballador de Turín, con mozas de 18 se todas caesen ós teus pés? ¿Non irías ti á mansión dun dos máis importantes magnates do mundo, pensa a nena mona de 17 ou 18, se che abre as portas da televisión, da moda, do éxito social? ¿Que hai de malo en enganar á muller, se ela, pensa a frustrada ama de casa, xa casou con el polos seus cartos? ¿Por que non hei de ir ás súas festa, deduce o negociante, se cadra relixioso e con valores moi cristiáns, se alí podo pechar os acordos económicos máis importantes da miña vida?¿Por que, a fin, aínda coas súas distancias, non publicar con Mondadori, xa sei que da súa filla, pero á fin tamén do seu imperio, se é a editorial que mellor paga, promove e vende os meus libros? ¿De que se vai avergonzar Berlusconi? ¿De modificar as leis ó seu servizo, de fozar na xustiza ata non saber se está unicamente ó seu antollo, de destripar a democracia única e exclusivamente coma e fose outra máis das súas empresas que lle reportan éxito e sona? Así como sabe que os principais do mundo devecen por pasar unha fin de semana na súa finca sarda, que as mozas entregarían a alma por conseguir unha recomendación da súa boca, que os políticos non senten o máis mínimo pudor en rirlle as gracias e convivir coas súas bufonadas mentres manteña ese nivel de poder, e que, a mesma igrexa de Roma, se faga a boba con tal de que defenda aqueles principios que a eles lles interesa... ¿por que se ha sentir avergonzado ou retroceder nos seus procedementos? Preguntaranse como é posible que no país onde está a Cidade do Vaticano non o castigue o voto dos crentes. ¿Por que ía facelo? A esencia deste individualismo extremo mesturado de relativismo, descaro e chantaxe, casou sempre con tódolos poderes. Cos dos emperadores de Roma, cos do Papado, cos mandatarios de oriente e cos dictadores máis groseiros. Só nas sociedades anglosaxonas se castigan estes desvaríos, tal vez porque alí non se aprecia a confesión, o rigor moral é tanto ou máis hipócrita, pero distinto, porque entre nós, na igrexa de Roma, coa confesión todo se perdoa e volta a comezar. Por iso Berlusconi está na súa salsa. Por iso seguirá facendo o que lle apeteza. Porque no fondo, todos, dende a frívola rapariga que aspira a presentadora ata o máis fero dos amos dos negocios do mundo, dende o obreiro que se deslomba 8 horas diante dunha máquina ata a máis recatada das mamás que buscan o mellor para os seus fillos, desexarían estar convidados na festa de Berlusconi. Aínda que haxa que dicir na perruquería: que escándalo, que vergonza...

5'0 (3 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.



¿Comentas?

Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Podes comentar sen ter que crear un usuario, pero é recomendable se queres acceder a todas as funcionalidades dos comentarios (votacións, karma, foto personalizada...)





captcha

Cambiar por outro


Un pouco de HTML está ben
Podes usar algunhas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>