Literatura
Rosa Aneiros, gañadora dos premios Xerais: ''Estes premios son unha homenaxe aos lectores''
06/06/2009 - Tamara Navaza Sa. AGN
Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976) resultou este sábado gañadora dos premios Xerais de Novela e Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil polas obras 'Sol de inverno' e 'Ás de bolboretas', respectivamente. A escritora e xornalista amósase ''abraiada'' polos dous galardóns, que lle chegaron no décimo aniversario da publicación da súa primeira novela, 'Eu de maior quero ser'.
Pregunta: Como se sente ó ser doblemente premiada?
Resposta: Estou moi sorprendida, porque non é frecuente que o mesmo escritor gañe estes dous premios. De feito creo que son a primeira persoa que o consigue. Estou nunha nube, aínda non o acabo de crer, non o asumín. Non teño a sensación de ter na man os dous premios. Tamén é porque ó estar coa xente de Xerais síntome como na miña casa.
P: Quizais se trate dunha casualidade?
R: Totalmente. Creo que foi unha coincidencia, coincidiron as dúas obras nun mesmo momento. Ademais non teñen nada que ver a unha coa outra. 'Ás de bolboretas' é unha obra con ambientes e personaxes actuais e Sol de inverno conta unha historia dos anos 60 do século pasado. Isto reflexa a miña dinámica ó escribir. Cando remato unha obra, a seguinte ten que ser totalmente distinta.
Unha longa lista de galardóns
P: Por que decidiu presentarse ós dous premios?
R:Non foi algo premeditado. Mentres pensaba en mandar 'Sol de inverno' para o Xerais ocurríuseme mandar tamén 'Ás de bolboretas' para o outro. Xa a tiña acabada de había un ano, aínda que a rescatara do caixón varias veces para corrixila.
P: Xa ten no peto unha longa lista de galardóns. ¿Cal aspira a conseguir agora?
R: Despois deste subidón non aspiro a moito máis. Para min estes dous recoñecementos son unha homenaxe ós lectores. Chegaron grazas a toda a xente que leu as miñas obras dende que publiquei a primeira novela hai dez anos. Nas dúas novelas recollo todo o que aprendín deles. Acabei aprendendo que non sempre tiña a razón, que non sempre o que escribía era entendido como eu esperaba e hai que aceptar as opinións e pensamentos distintos.
P: Tomará un tempo de descanso?
R:Non quería poñerme a escribir agora mesmo, pero teño unha personaxe que me está perseguindo. Só sei que se chama Ernesto e soña con unicornios. Só teño unhas notas, pero no momento en que se poña moi pesado vou ter que poñerme a pensar máis nel.











