XUSTIZA

Matas decide non declarar sobre a súa implicación no caso Nóos


Etiquetas: negarse, declaración, caso Nóos, Baleares, ex presidente, Matas

17/05/2012 - Axencias / Galiciaé LV

O ex presidente balear Jaume Matas acolleuse hoxe ao seu dereito a non declarar ante o xuíz do caso Palma Area sobre o seu papel na contratación do Instituto Nóos, investigado por suposto desvío de fondos públicos, para organizar uns foros que custaron 2,3 millóns de euros ás arcas autonómicas, informaron a Efe fontes xurídicas.

Matas achegou esta mañá unha declaración escrita ao xuíz instrutor, José Castro, na que defende a legalidade dos contratos que formalizou o goberno balear que presidiu (2003-2007) co instituto presidido por Iñaki Urdangarin.

Á súa saída dos Xulgados de Vía Alemaña da capital balear, Matas dixo aos xornalistas que hai dous anos xa declarou polo caso Palma Area ante o xuíz e que se reitera "integramente" no que dixo entón. "E non teño máis nada que dicir", apostilou.

Naquela ocasión, Matas sinalou que a súa función era estritamente "política" e que o día a día, así como o modo de formalizar os contratos, correspondían aos responsables de cada organismo público, caso de José Luis Pepote Ballester, ex director xeral de Turismo.

Unha hora antes da súa cita xudicial, ás 09.00 horas, Matas chegou aos Xulgados de Palma nun taxi en compañía do seu avogado, Antonio Alberca, e de inmediato introduciuse no edificio xudicial.

José Castro, titular do Xulgado de Instrución 3 de Palma, citara a Matas como imputado ás dez da mañá dentro da peza do caso na que se investigan os supostos delitos de falsidade documental, prevaricación, fraude á Administración e malversación de caudais públicos en torno ao instituto que foi presidido por Iñaki Urdangarin.

Nóos organizou para o Executivo balear os dous eventos de turismo e deporte Illes Balears Fórum en virtude de senllos convenios de 1,2 e 1,1 millóns asinados co Govern balear.

Hai uns días, o xuíz Castro accedeu á suspensión da declaración de Diego Torres, exsocio de Iñaki Urdangarin no Instituto Noós, prevista para a próxima semana, e queixouse da súa falta de seriedade xa que foi el o que pediu hai uns meses declarar de forma voluntaria.

O letrado pedira ao xuíz a suspensión da súa declaración amparándose na suposta presión mediática que sofre estes días.

0'0 (0 votos)

Para valorar comentarios debes estar rexistrado.


Acceder Crear usuario

Non podes valorar os teus propios comentarios.



Só podes valorar o comentario unha vez.




Fotos

Matas, ao seu paso polos xulgados (EFE/ Monserrat T. Díez)
Matas, ao seu paso polos xulgados (EFE/ Monserrat T. Díez)