O financiamento das autonomías é asunto delicado e complexo. Caeriamos en reduccionismo se de todo culparamos á aprobación dos últimos estatutos, sobre todo do catalán, pois aínda máis grave é o verdadeiro agravio comparativo xerado polo financiamento foral e as elevadas cotas de irresponsabilidade fiscal que presentan as comunidades de réxime común. Todo isto non se pode ignorar. Pero tampouco que a trampa na que se deixou enredar o presidente Zapatero polos partidos cataláns vai traer consecuencias atravesadas e difíciles de sortear. Durante a longa discusión antes de que se aprobara o famoso estatuto catalán, os socialistas, coma en outras decisións delicadas, xogaron confundindo á opinión pública a base de mensaxes simplistas e falaces. Daban a entender que todos os que clamabamos contra moitos dos artigos daquel estatuto nos colocabamos automaticamente na beira dos que prognosticaban que España se ía rachar e que estabamos outra vez preto do ano 36. Aínda que pareza estraño, argumentos tan estultos logran ser eficaces, non doutro xeito se pode interpretar que o mesmo presidente sacase peito despois de gañar as eleccións preguntando onde estaba a España partida e dividida. Xa, xa. Agora parece que a algúns socialistas galegos lles vén a luz e entenden que a consecución da bilateralidade entre Cataluña e o Estado español é un asunto realmente grave, con repercusións moi directas sobre as nosas contas. A ningún se lle ocorreu durante o longo proceso de aprobación lanzar unha mínima crítica ou sospeita. Tódalas análises contrarias á aprobación eran por facerlle favores ó PP, por non comprender a riqueza da diversidade de España e por vivir ancorados nun centralismo empobrecedor. Éntralles agora o sentidiño e comprenden algo tan elemental como que dar saída a ese estatuto foi tanto como admitir un dereito á negociación entre dúas entidades idénticas sen ter en conta un discurso político integrador, alterando de maneira grave a cohesión territorial e social. E agora é tarde. Demasiado tarde. Teñen razón os partidos cataláns en esixir o aprobado. ¿Como non van agarrarse á lei? ¿Quen, despois de pelexar a brazo partido, releando, sufrindo modificacións en Madrid, cedendo, pero ó fin conseguindo un estatuto aprobado e ratificado en referendo non vai esixir que se cumpra? Zapatero meteuse nun avespeiro do que non lle vai ser doado saír. Supoño que se agarrará a que o tempo lle vaia dando un respiro, pero caeu nunha enorme celada. De aí non lle será doado saír. Os partidos cataláns, o PSOE incluído, levan xogando durante moitos anos a baza da diferenciación, do victimismo e do moitísimo que contribúen ó desenrolo do resto das comunidades, sendo eles os prexudicados. Esa mensaxe cala inmediatamente. É tan perigosa como beneficiosa dende o punto de vista dos réditos electorais. Ningún partido catalán (mesmo o PP anda con pés de chumbo á hora de se pronunciar alí) adoptará o xiro dun federalismo responsable, integrador. O que lles resulta rendible é o camiño elixido, están na boa senda: o Estado español é tramposo, aproba leis que logo non quere cumprir, segue a maltratar ós pobres e sufridos cidadáns dos pobos cataláns. Está servida a próxima estratexia. A ver como lles tapa a boca o “contentatodos” Zapatero. Polo que a Galicia respecta, non fai falla ser meigo: acabaremos pagando as alegrías do presidente. Porque se o PSOE durmiu confiando na fortuna do seu presidente, o Bloque, atado pola premisa maior de que primeiro “nazón” e despois razón, xa vemos o que di: o problema non é de enfrontamento entre unhas comunidades e outras (máximo se as que meten o dedo no ollo son nacionalistas con intencións de se ir desligando de España), iso, coma sempre, din, é unha invención para enfrontar ás comunidades boas (as nacionalistas) contra as outras. Que va, o problema está perfectamente identificado para os dirixentes do Bloque: o conflicto é co goberno español que non quere poñer máis cartos. Para entendernos: Sobes ten unha empanada de millo, as comunidades forais comen segundo a fame que teñan e sen que ninguén lles pida contas(xa se sabe que esaxero, ¿quen non?), os cataláns (e os que os queren imitar) esixen a súa parte sen ter en conta os que faltan por comer e logo, cando queda un cuarto de empanada, a culpa de que nos teñamos que arranxar con tan pouco é por culpa do goberno de España. Si, certo, por consentir un método de reparto tan pouco equitativo. En fin, mentres un partido non se sinta con apoios suficientes como para realizar unha reforma integradora, federalista e responsable das finanzas de tódalas comunidades, sen privilexios nin foros, nin víctimas nin paternalistas benéficos, simplemente unidos por unha redistribución solidaria (non de subvención), andaremos esgazándonos en función de quen teña máis forza. E xa se sabe quen teñen máis forza: os que manteñen no poder ó PSOE e ó PP.
14/08/2008