Fina Casalderrey: ''Se eu estou aquí é porque outras máis grandes pisaron as silveiras''

«ía conducindo á noitiña e chamoume Méndez Ferrín. Así o souben». O venres 18 de xaneiro, en sesión plenaria, a Real Academia Galega (RAG) elexiu a Fina Casalderrey (Xeve, 1951) nova académica de número. É a quinta muller nun plenario de trinta persoas e a primeira autora de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) que haberá entre elas. Mestra xubilada, Fina Casalderrey é unha das escritoras máis importantes da literatura galega actual. Gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 por ‘ O misterio dos fillos de Lúa’, tamén se fixo no seu día co Merlín (1991), co Barco de vapor (1994) e co Edebé (1995), entre outros. Autora dunha bibliografía de máis de medio cento de obras nos últimos 20 anos, foi candidata en 2010 e 2011 ao premio Astrid Lindgren (xunto co Hans Christian Andersen, un dos máis importantes do mundo no ámbito da LIX) e os seus libros foron seleccionados en varias ocasións para a lista White Ravens, que elabora la Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich e que se considera unha referencia internacional.

Que lle dan a un ao entrar nunha academia como a RAG: un carné, un diploma...?

Son aínda tan novata que non sabería dicirche. Por agora non me deron nada máis que a boa nova. E era algo co que de verdade non contaba. É un afago e é de agradecer moitísimo, pero é tamén unha responsabilidade desas que vas asumindo sabendo que che vai ir enchendo un pouco máis o tempo de obrigas e compromisos. E queres pensar que non che vai cambiar tanto a vida, pero tampouco o sabes moi ben. De calquera maneira é unha oportunidade para a LIX de facer mais ruído, de que a xente se fixe nela con menos prexuízos.

Existen prexuízos sobre a LIX?

Aínda moitos. Por iso che fan preguntas como por que non te animas a dar o gran paso e escribir ‘para adultos’, como quen di ‘para a xente como Deus manda’. E aínda hai quen remata con algo como «Ou confórmaste co éxito que acadaches na LIX?». Négome a aceptar cousas como esta! Como se estivesemos falando dunha literatura de menor calidade. Eu escribo para cativos e para adultos da mesma maneira, igual, uns e outros merécenme o mesmo respecto. Sabes que diferenza hai entre os nenos e nós? Que a eles lles dá igual que unha historia teña mil premios. Se non lles gusta, non lles gusta e punto. Esa liberdade xa non a temos os adultos, que nos medimos moito para dicir calquera cousa dunha historia moi celebrada. Aínda que despois non sexamos quen de pasar da primeira páxina. Que inxusto me parece iso con todos eses autores esquecidos que non foron quen de dispoñer de toda esa maquinaria de marketing.

Xa avisou de que no discurso de ingreso vai facer unha reivindicación da LIX.

E do orgullo de escribir para nenos. En realidade aínda non pensei ben de que vou falar, pero como iso son cousas que levas dentro, sabes que sairán, que é a achega que debes facer.

Pensou onde lle gustaría facer o ingreso?

En que sitio non sei, pero en Pontevedra si. Eu tiven a gran fortuna de sentirme querida en moitos sitios, pero sobre todo na miña terra, na miña casa, en Pontevedra. Creo que debo facelo aquí.

É a quinta muller...

A ver se é verdade aquilo de non hai quinto malo (sorrí).

Entre trinta académicos.

En total, entre os máis de cen académicos que houbo ao longo de toda a historia da RAG, cóntanse sete mulleres. Pero non creo que sexa tampouco unha circunstancia propia desta academia. Estas institucións non fan outra cousa que camiñar canda a historia e as circunstancias que as rodean. Así é que nestes últimos anos no seo da propia RAG existe, polo que eu puiden saber, o propósito de ir enmendando esta situación. Abondan e sobran grandes mulleres loitadoras, válidas e moito máis preparadas ca min en Galicia. E dígoo con coñecemento de causa porque, se eu estou aquí hoxe, é grazas a ese ruído reivindicativo que fixeron esas outras mulleres. É moi fácil meterse nunha silveira cando diante de ti foron pisando outros máis grandes. Grazas a iso pasamos os demais sen rabuñarnos nin mancarnos. Algo así é o que me está a pasar a min coa Academia. Cantas mulleres hai hoxe que poderían ocupar esta cadeira?

Consiga AQUÍ la información completa

Comentarios