A maioría do profesorado de infantil e primaria reclama a xornada reducida

Un 78'5% do profesorado infantil, primaria e educación especial que traballa nos centros docentes públicos galegos quere que se restableza a xornada continuada reducida nos meses de xuño e setembro, dacordo cunha consulta elaborada durante as últimas semanas por CIG-Ensino e cuxos resultados foron entregados hoxe no rexistro da Consellería de Educación.

Por provincias, o profesorado da Coruña foi o que, en termos relativos, respaldou a proposta en maior medida, cun 88'8% dos consultados a favor, seguida pola provincia de Lugo, cun 80'8%, Ourense, cun 72'6% e Pontevedra, cun 66'10%.

Retirada da orde
Os resultados obtidos supoñen, segundo afirmou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, "o desexo da gran maioría do profesorado" de que todos os sindicatos con representación na ensinanza pública rectifiquen o acordo que firmaron con Educación, esixindo que se restableza a xornada continuada reducida de catro horas nas escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, colexios de educación primaria, infantil, educación especial e centros integrados. Louzao explicou que agarda que a consellería aposte polo diálogo como "único xeito de comezar un novo curso sen conflito e con este contencioso resolto".

Redución da xornada
O secretario nacional de CIG-Ensino fixo referencia tamén á redución de horarios de permanencia semanal nos centros, que pasa de 30 a 25 horas (as cinco restantes serán de cómputo mensual) e as lectivas, que pasan de 25 a 21. Estes cambios foron cualificados como "un avance importantísimo para achegarse ás nosas reivindicacións históricas", que pasan pola equiparación laboral deste ámbito co da educación secundaria.

Comentarios