As cousas boas, hai que pagalas
04/07/2008 - José Pereira
Aínda non entendemos a necesidade de pagar por productos audiovisuais de calidade, a pesares de estar acostumados ao “gratis total”. Máis de 80 persoas foron detidas onte acusadas de piratería audiovisual (entre eles tres responsables de hoteis da provincia de Pontevedra), un delito que prevé penas bastante duras que incluso poden implicar a cadea. Nestes tempos nos que aparecen modalidades de piratas por todos os lados, penso que cómpre facer unha diferenza entre os piratas de parche, os de garabata e os que non se distinguen. Está claro que os do parche, pero sen ningún romanticismo, son os que de vez en cando nos dan algún susto nas augas de Somalia ou de Indonesia, asaltando e apresando barcos de todo tipo, desde os pesqueiros ata os iates de luxo. Os de garabata, son todos aqueles estafadores, que sen ningún tipo de rubor, buscan os mecanismos máis complexos para asaltar á xente, que van desde os casos coma os de Gescartera ata outros tamén peculiares como os das xa famosas academias de inglés. Pero os que máis me interesan neste momento son os que non se distinguen, posiblemente porque non sexan conscientes de que están sendo piratas, aínda que o dano é moi importante. A operación que se desenvolveu onte tiña que ver coa piratería audiovisual, pero non coa xa famosa do top manta ou das descargas ilegais por internet, que afecta aos autores e ás industrias do cine e da música. Polo contrario, o delito dos presuntos piratas foi difundir ilegalmente o sinal da televisión de pago, que pode ser a de Digital Plus ou a de R, por exemplo. É aquí onde hai que facer certos matices. Obviamente non é o mesmo caso o do bar que paga unha licencia particular e logo a difunde no seu bar ou un hotel que paga un abono e difunde o sinal por todo o establecemento, que un sistema complexo no que un fulano paga unha conexión e logo difunde a través de redes telemáticas o sinal a cento de usuarios, incluso cobrando por elo. Estou seguro que moitos destes veciños últimos, consumidores de TV de pago e que pagaban a estes piratas, nin siquiera eran conscientes do delito pero, probablemente, se vexan implicados en todo este lío. Creo que boa parte do problema da piratería audiovisual, especialmente nos casos de difusión ilegal do sinal da tv de pago, está na conciencia dos cidadáns. Como é xa sabido, en España nunca houbo tradición de pago por contidos audiovisuais o que provoca dúas situacións: a primeira é que temos a televisión que temos, con todos os seus graves problemas. O segundo é que non acabamos de entender que, igual que todas as cousas, a calidade hai que pagala e a televisión é un elemento máis de todo o noso sistema económico. Facer televisión non é gratis. Ao contrario, é moi caro e alguén ten que pagala, ben os anunciantes, ben o Estado ou ben o usuarios, responsables en última instancia de consumir o producto. Por iso, paréceme preocupante que aínda se sigan facendo estas redades, porque é unha mostra de que non estamos concienciados da importancia de pagar por productos que tradicionalmente foron gratuitos.





