De sempre foi público que o actor Mel Gibson ten unha especial debilidade por Britney Spears, á que quere desde hai anos como unha filla. Por iso non só comparte con ela a súa mansión para que a cantante pase as vacacións, senón que mantén con ela longas conversas, máis agora que a moza está a pasar un mal momento.
O produtor e director foi máis aló e intentou exercer de celestina entre ela e o seu fillo Edward. Segundo o National Enquirer, o actor recoñeceu que facilitou que os mozos se coñeceran e que albergaba a esperanza de que entre eles houbera algo máis.
O rechamante do caso é que Gibson considera que Spears pode ser unha boa influencia para o seu fillo. Isto, que o 99% dos pais do mundo rexeitaría sen dubidalo dado o currículum de Britney, explícase se temos en conta que Edward é tan ou máis problemático que a ex estrela adolescente.
Entre varios escándalos e polémicas xudiciais, Edward estivo en varias ocasións en rehabilitación para superar o seu alcoholismo e a súa adicción á cocaína. A recente recuperación de Spears é o que puido motivar que Gibson considerara bo para o rapaz saír coa cantante máis polémica do momento, por detrás de Amy Winehouse.
A cousa saíu mal porque, disque, a Spears a amizade con Edward parécelle ben pero nada máis. Por iso, na cita que lles organizou Gibson, Britney rematou por fuxir e deixalo na compaña dos seus gardacostas.
Sen divorcio á vista
Liz Rosenberg, portavoz de Madonna, desmentiu onte os incesantes rumores que especulaban co posible divorcio entre a cantante estadounidense e o seu marido, o director Guy Ritchie. A través dun comunicado, Rosenberg asegurou que a parella vive xunta e feliz e negou que a cantante teña un romance co xogador de béisbol Álex Rodríguez.
Bruni entristece os xaponeses
A cantante e primeira dama de Francia, Carla Bruni, non acompañará o seu esposo, o presidente Nicolas Sarkozy, ao próximo cumio do G8 en Hokkaido para decepción de “todos”, segundo os anfitrións nipóns.
“Como é unha muller de presidente moi, moi popular, creo que todo o mundo ten a sensación de que é unha pena que non veña”, manifestou o ministro portavoz nipón, Nobutaka Machimura. Por outra banda, no seu país está a perder popularidade. O 51% dos franceses pensan que fai un bo labor, tres puntos menos que hai uns meses.
03/07/2008