Lotina está feliz. O adestrador deportivista volveu amosar onte a súa conformidade no Deportivo e non dubidou en mostrar a súa satisfacción polas fichaxes de Mista e Omar Bravo para a dianteira.
“Estou moi contento con estas incorporacións”, asegurou en rolda de prensa tras o primeiro día de traballo do equipo. “Teño moi boas referencias de Omar [Bravo] como persoa. É un mozo introvertido e moi bo profesional. No campo transfórmase e seguro que se vai adaptar sen problemas”, dixo Lotina, convencido tamén do bo rendemento de Mista. “Ten que chegar a ser o internacional que foi no Valencia. Debe poñer un 90% da súa parte e nós, os técnicos, axudarémoslles nun 10%”, engadiu.
O adestrador vasco, que incluíndo os mancados e os que aínda non se incorporaron dispón de 37 xogadores no plantel, asegurou que conta con Antonio Tomás, Riki e Pablo Álvarez, dos que se especulaba cunha saída, a non ser que aparezan ofertas importantes.
Tamén recoñeceu o de Meñaka que agarda a chegada dun porteiro, e que o canteirán Fabricio sería cedido en Segunda no caso de que non se lles atope saída a Aouate e Munúa.
Ademais, Lotina dixo que o Deportivo “fixo o que tiña que facer” ao exercer as opcións de compra sobre Filipe e Lafita, e confirmou que Filipe Luís chegará este xoves á Coruña para incorporarse á pretempada do equipo.
Tamén se mostrou seguro e contundente, ao igual que o presidente Lendoiro, sobre a negativa da entidade herculina a que Fabricio Coloccini dispute os Xogos Olímpicos de Pequín durante o mes de agosto.
“Xa estivo xogando coa absoluta e o Dépor ten que mirar polo ben do xogador e do club”, asegurou Lotina, que agarda a que desde a praza de Pontevedra se consigan colocar a polo menos 14 xogadores para contar cun plantel de 23 xogadores, a cantidade máxima da que lle gustaría dispor.
O Deportivo non fará a concentración en Vilalba
O Dépor non estará en Vilalba este verán. Miguel Ángel Lotina explicou onte que a habitual estadía na localidade lucense non se realizará debido á xira que fará o equipo en Venezuela.
“Recibimos unha oferta económica importante para ir xogar alá e ademais contamos, ao parecer, con boas instalacións para adestrar”, explicou. O Dépor tamén xogará en Dinamarca dous partidos amigables neste mes.
O ariete mexicano ofrece “esforzo, dinamismo e frescura”
Omar Bravo xa viste de branquiazul. O dianteiro mexicano foi presentado en Riazor no medio dunha grande expectación e coa presenza de varias bandeiras mexicanas.
O futbolista amosou a súa gratitude “polo recibimento e a hospitalidade” da Coruña e asegurou que espera adaptarse “pronto” para responder á confianza amosada polo Deportivo nas súas cualidades.
“Podo ofrecer, sen dúbida, o meu mellor esforzo, dinamismo e frescura”, manifestou Omar Bravo, que non quixo prognosticar unha cifra de goles durante a tempada. “Nunca fun disto, sempre fun con cautela este aspecto, pero o que si posdo garantizar é impeto e frotaleza e a paixón pola que fago este deporte”, insistiu.
Respecto á súa primeira toma de contacto co plantel, o dianteiro azteca dixo atoparse “excepcionalmente”. “Os compañeiros portáronse moi ben comigo e fixeron que collese confianza ben pronto”, dixo. “Xa teño a idea de que é o que quere o adestrador, pero co paso do tempo irei coñecendo moito máis”, engadiu.
Por último, e en canto aos obxectivos do equipo, Omar Bravo cre que a idea debe ser “gañar sempre” e, polo momento, “chegar á UEFA vía Intertoto”. “Agardemos que os resultados poidan chegar pronto”, dixo.
03/07/2008