Mentres uns discutían sobre o xogo de tal ou cal xogador, os xornais Krone (Austria) e Bild (Alemaña) decidiron, ademais, pedir aos seus lectores que valorasen o atractivo das mozas e mulleres dos cracks da pasada Eurocopa.
Tal e como recolleu elsemanaldigital.com, o ránking do rotativo xermano varreu para a casa e centrouse nas acompañantes dos seus seleccionados. Os lectores levaron ao cumio deste podio a Sarah Bander, Conny Lehman e Daniela Löw.
Pola súa banda, os autríacos foron máis aló das súas fronteiras e encumiaron ao seu primeiro posto, cunha ampla vantaxe, a modelo Sylvie van der Vaart, esposa de Rafael van der Vaart e unha das manequíns máis cotizadas en Holanda.
O segundo posto, segundo os lectores de Krone, meréceo Sarah Brandner, moza do xogador alemán Bastian Schweinsteiger. Brandner, que ten só 19 anos, fora declarada a semana pasada como a moza máis fotografada da Eurocopa, porque aló onde fora sempre tiña detrás varios reporteiros gráficos.
Finalmente, no terceiro posto a 'Vermella' tivo a súa representación a través de Eva González, a moza, agora si, agora non, de San Iker Casillas. O xornal austríaco estivo ao tanto das visitas secretas da modelo e presentadora ao gardameta e incluso a fotografou nun dos partidos, recibindo o recoñecemento dos seus lectores.
O de valorar o atractivo das mulleres dos futbolistas é xa unha tradición (miren o asentado que está o asunto na contraportada do As). En Inglaterra alcúmanas como as WAGs (Wives and Girlfriends) e unha das pioneiras en ser xulgadas de arriba a abaixo fora Victoria Beckham (¡que cousas!).
Os propios xogadores tamén foron xulgados esteticamente polos lectores do rotativo austríaco. O gañador foi, como non, Cristiano Ronaldo, seguido de Fredrok Ljungber e Luca Toni.
A moza de Torres
Unha que non está na lista é a moza de Fernando Torres, Olalla, unha rapaza compostelá que leva ao lado da estrela 10 anos (e só ten 24). Coñecéronse en Estorde, onde a familia de Torres pasaba os veráns. Actualmente Olalla vive en Liverpool co seu noivo, onde ten que aturar a molesta prensa sensacionalista inglesa.
02/07/2008