O galego mola na casa e na escola. Música na rúa para difundir a obra de Paz Andrade

Correlingua 2012. Máis de 500 escolares de nove centros pontevedreses participan no Correlingua 2012 da capital da provincia, que se trasladou ao Recinto Feiral por mor das previsións meteorolóxicas (que despois non se cumpriron) e que contou coa actuación de Roger de Flor

roger de flor foi o encargado de pechar onte o Correlingua de Pontevedra. A súa música foi a elixida pola organización da carreira escolar para pechar o evento na capital da provincia e en Tui. Iria Sobrado, xunto co grupo Chupadeskay, encárgase das paradas en Ourense e Monforte; Pirilampo en Narón; e Xenderal, en Santiago, Lugo, Vigo e Viveiro. Porque o obxectivo do Correlingua é ser, por riba de todo, unha festa, segundo os seus promotores.

Máis de 500 escolares, chegados de nove colexios da provincia, participaron na edición pontevedresa de 2012 do Correlingua. A previsión de chuvia (que despois non se cumpriu) obrigou a trasladar as actividades que normalmente se celebran na praza da Ferraría e na zona vella ao Recinto Feiral. Xa se tiña feito así noutras ocasións para que os cativos non tiveran que estar á intemperie.

Armados con dorsais con palabras galegas escritas neles e con pancartas nas que se podían ler cousas como ‘Na casa e na escola o galego é o que mola’ (do IES de Ponte Caldelas), os escolares xuntáronse nas instalacións do Pazo da Cultura para festexar o uso do galego.

A actividade, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración cos concellos de Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo, chegou á cidade este ano precedida de polémica ao anunciar os Gobernos municipais de Santiago e da Coruña que deixaban de participar na súa organización e que a carreira dos cativos sería tratada «como unha manifestación». Anteriormente a asociación Galicia Bilingüe, que preside Gloria Lago, xa se dirixira a todos os alcaldes que apoiaban esta actividade escolar para solicitarlles que deixaran de facelo ao considerar que non fomenta «valores de tolerancia e respecto» e usa «simboloxía nacionalista».

Consiga AQUÍ la información completa

Comentarios