Teñen 22 e 25 anos e un futuro... ¿‘prometedor’? na estrada que os levou ata o cárcere de A Lama. Un deles está implicado na morte dun matrimonio en Vigo durante unha carreira ilegal de coches e o outro no atropelo mortal dun mozo de madrugada en Vilagarcía. Os dous sesgaron as vidas doutros –inocentes– mentres supostamente disfrutaban dunha noite desenfrenada de troula. Pero ademais de todo isto, teñen outra cousa en común: a falta de conciencia. Segundo os seus actos, non deben sentir moita culpabilidade por todo o acontecido. ‘Makelele’, o máis novo dos dous, foi detido cando conducía un ciclomotor sen carné e se saltaba un semáforo en vermello acompañado dunha taxa de alcohol de 0,9. Todo iso en liberdade baixo fianza polos seus antecedentes. En canto ó outro, non contento con darse a fuga tras arramplar cun rapaz de 23 anos, levou o seu coche ata un taller de Portugal para que lle fose arranxado ás encondidas. A noite dos feitos, non podía ser doutro xeito, tamén ía bébedo. É tranquilizador que personaxes así estean na cadea. A cuestión é ¿por canto tempo? Dixo a xuiza sobre un deles que “é un perigo para os cidadáns e que non ten respeito polas resolucións xudiciais nin lle afecta ter participado no tráxico suceso”. Ninguén o podería explicar mellor. O caso é ¿cantos máis así hai polas estradas?; e o que é peor ¿a canta xente matarán antes de ser descubertos?
13/05/2008