Estamos en crise. Mentres as hipotecas se poñen polas nubes a confianza dos consumidores arrástrase polo chan. Notan os analistas da economía que empezamos a botar o freo da tarxeta e miramos de esguello á lista do paro. Os comerciantes quéixanse de que cada vez se gasta menos e os construtores de que xa non despachan pisos como barras de pan. Disque a cesta da compra leva menos carne de tenreira e produtos frescos, que examinamos o súper na procura das mellores ofertas e que serán máis os que agarden ás rebaixas para lanzarse á moda este verán. Por todo isto, e polos consellos de aforro que o Goberno envía ás familias, sorprenden as imaxes que nos deixou a ponte do primeiro de maio: restaurantes que non daban abasto, terrazas ateigadas de turistas, hoteis co cartel de ‘completo’ e milleiros de desprazamentos en todo o país para gozar de catro días de vacacións. Quen dixo medo? Se algo temos demostrado nesta terra -hoxe ameazada pola pantasma dunha crise máis que anunciada- é que temos moi asumida a filosofía do ‘Carpe Diem’ ou do “que me quiten lo bailao”, e que onde estean unhas cañas ó abeiro dunha sombrilla, unha mariscada ó carón do mar ou unha noite de xoldra cos amigos que se quiten o euríbor, a inflación e o gasoil a prezo de ouro, que xa discorreremos algo para chegar a fin de mes. E se non se chega, xa elixiremos a que administración irlle chorar despois.
06/05/2008