"A moda é o camiño"

O pontevedrés David Méndez Alonso é o deseñador que encabeza o equipo de Outsiders Division, a firma gañadora da última Mercedes-Benz Fashion Talent ►Licenciado na facultade de Belas Artes, o creador leva oito anos afincado en Barcelona
David Méndez Alonso (centro) entre Alberto Perancho (esquerda) e Alejandro Gallifa
photo_camera David Méndez Alonso (centro) entre Alberto Perancho (esquerda) e Alejandro Gallifa

Cunha colección caracterizada pola mestura de patróns, cores e texturas, na que se aprecia o interese dos seus creadores polas culturas punk e hip hop, gañou a firma Outsiders Division a última edición da Mercedes-Benz Fashion Talent, o certame dirixido a novos deseñadores co que se clausurou, o pasado martes (19 de setembro), a Semana da Moda de Madrid, antiga Cibeles. O home que está detrás da marca galardoada é David Méndez Alonso (Pontevedra, 1988), que puxo en marcha este proxecto a pasada primavera xunto a dous amigos: Alejandro Gallifa e Alberto Perancho. Despois de ter gañado o concurso madrileño, Outsiders Division desfilará, no mes de outubro, na Mercedes-Benz Fashion Week Central Europe (Budapest).

"Outsiders Division comezou como unha marca de complementos en 2012", conta Méndez Alonso. "Basicamente estaba centrada en gorras, o meu obxecto fetiche". Licenciado en Belas Artes pola facultade pontevedresa, o creador leva oito anos afincado en Barcelona. Dende que chegou á cidade catalá non fixo outra cousa que acrecentar o seu interese polo mundo da moda. Agora mesmo recoñece que o seu futuro inmediato está vinculado ao deseño. "A moda é o camiño. Neste momento non hai dúbida. É un sector que me permite desenvolver diferentes facetas que me interesan".


Ao creador gústanlle os conceptos contraditorios: 
"Do que se trata é de rachar esquemas conseguindo que haxa unha certa harmonía"

O nome de Outsiders Division era unha das sinaturas que Méndez Alonso empregaba como grafiteiro. "Gustábame moito. Cando quixen lanzar unha marca, recupereina". En febreiro deste mesmo ano presentouse por primeira vez na Mercedes-Benz Madrid Fashion Week. "Eu xa traballara coa deseñadora Krizia Robustella e tamén para Pull & Bear", conta. "Neste caso eran proxectos moi comerciais e neles estaba sempre un pouco por detrás. Foi por iso que me apeteceu poñer en marcha algo totalmente libre, no que a roupa non se concibise como un produto".

EXERCICIO DE ARTE. Así saíu da súa cabeza a primeira colección que se puido ver en Madrid. "Era cen por cen un exercicio de arte realizado para un formato de pasarela. A fin non era vender aquela roupa, senón mostrala simplemente". Pero as propostas gustaron e o creador decidiu dobrar a súa aposta pola firma. De aí xurdiu a colección Brief of Imaginary, "que naceu como unha proposta pequena, moi pouco pretenciosa, para pasalo ben". Non tiña, segundo di, ningunha finalidade de negocio. En principio.

Neste punto, David Méndez decidiu unirse a dous amigos que coñecía de ter traballado xuntos en Pull & Bear: Alejandro Gallifa e Alberto Perancho. "No mes de abril xuntámonos e comezamos a traballar na colección", explica.Avanzaron a toda velocidade. "O que pasa é que para nós non foi comezar de cero. Traballamos xuntos durante moito tempo. Cando nos puxemos con isto tiñamos todo un percorrido previo xuntos xa realizado".

Ao creador gústanlle os conceptos contraditorios. "Tanto o nome da colección como o da marca sono", indica. "Non podes cuadricular a imaxinación. Non ten sentido unha división de ‘outsiders’. Son case paradoxos". Segundo di, isto tamén se reflicte na súa roupa. "E, sen embargo, nós intentamos dar cunha certa harmonía. Así aparecen os pasamontañas con flores, as palabras ‘chico sensible’ escritas con pinchos... Do que se trata, en definitiva, é de rachar esquemas, mesturar características de moitas culturas e conseguir que resulten harmónicas a pesares de todo".

Os deseños de Outsiders Division, agora si, acabarán na rúa. "Hai efectivamente moi poucas pezas de autor. Ao final, o 80% dos deseños sairán á venda", recoñece o autor. "Tratamos de manter o espírito e a alma da anterior colección, pero si, agora recoñecémonos como unha marca".

Comentarios