As actividades do 'Son de Marín' reuniron a máis de 5.000 persoas

O Concello e Dibay estiman que foi a edición con máis público e aseguran que a ampliación do programa festivo e cultural contribúe á súa consolidación no calendario festivo marinense
Uno de los conciertos incluídos en el programa Son de Marín
photo_camera Uno de los conciertos incluídos en el programa Son de Marín

O Son de Marín superou na edición deste ano «as previsións máis optimistas» en canto a asistencia de público, superando as 5.000 persoas, incluíndo todas as actividades do programa, que comezara a principios de mes e rematou o pasado sábado, tal e como destacaron onte as entidades organizadoras do evento, Dibay e o Concello de Marín. Ademais, consideran que "xa está consolidado como unha cita ineludible no calendario festivo e cultural da vila marinense".

"Este éxito chega grazas aos músicos e aos voluntarios que traballan para facer posible a celebración do Son de Marín"

"O obxectivo que nos marcaramos Dibay Eventos e o Concello de Marín de converter o Son de Marín en moito máis que un festival entendemos que se conseguiu grazas ao apoio popular obtido polas novas actividades engadidas nesta ocasión", sinalan, matizando que "tanto a exposición fotográfica instalada na Alameda, como as proxeccións do documental John Balan en Seixo e Marín e a primeira edición do Marín Canta cos Saljariteiros resultaron un grande éxito".

Do mesmo xeito, lembran que o evento central, celebrado o sábado, "logrou encher de música as rúas e prazas ao longo de todo o día e ata ben entrada a noite, cun magnífico ambiente festivo, polo que entendemos que se cumpriron os principais obxectivos, aínda recoñecendo que teremos que seguir a esforzarnos de cara aos anos vindeiros para mellorar todo o que sexa posible do festival".

Os Saljariteiros conseguiron poñer a cantar temas tradicionais a centos de veciños e visitantes na Alameda Rosalía de Castro 

A organización estima que o éxito acadado é posible, de xeito fundamental, grazas aos músicos e voluntarios que participan e colaboran para que este evento sexa unha realidade. "Agradecemos publicamente o seu traballo e a súa calidade, que logrou que os veciños e tamén os numerosos visitantes que se achegaron nesa xornada á vila gozasen durante todo un día de tanta e tan variada oferta musical".

Sempre coa filosofía de homenaxear a John Balán, levando a música a numerosas prazas e rúas da vila e lembrando a súa traxectoria artística e persoal, na edición deste ano do certame participaron Os de Marín, Os Saljariteiros, Charanga Mil9, Tenshi, Banda Infantil da Asociación Cultural Musimarín, As Ferriñas, Trompos ós Pés, Anodhor, As Chaneiras, Perfect Strangers, Dani Barreiro & Friends, Amencer, Ricardo Parada, Os Novos Pulpeiros e 7Setenta.

«Todos eles reuniron ao numeroso público que, no seu conxunto, fixo desta edición a que acadou unha maior asistencia de xente. Desde aquí a nosa felicitación polo seu éxito e o noso agradecemento por aceptar a invitación a participar», indican os organizadores. Así mesmo, destacan que pola tarde tivo lugar a degustación da torta de aniversario, acto no que se repartiron unhas 400 racións.

MARÍN CANTA. Dibay e o Concello tamén consideran «un grande acerto» a inclusión no programa da primeira edición do Marín Canta cos Saljariteiros na véspera do día grande do evento. «Esta actividade non só encheu a Alameda de música popular e tradicional, senón que tamén o fixo de público, convertendo esta festa en algo singular e nun grande éxito grazas, en gran medida, ao traballo do grupo Os Saljariteiros e ao formato elixido», explican os organizadores, que xa adiantan que «é un festival que deberá quedar fixo para o futuro».

Pola súa banda, a mostra fotográfica levada a cabo na Alameda, que recollía imaxes da vida de John Balán e unha colección de momentos das anteriores edicións do Son de Marín, tanto das actuacións musicais como da torta de aniversario e do público asistente, serviu para rememorar o festival e homenaxear ao maestro Balán, sendo moitos os veciños que pararon ante os paneis da exposición.

Comentarios