O servizo de Matrona aumenta nun día á semana no Centro de Caldas

As afectadas demandan solucións para as carencias das instalacións e de persoal
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey (izq.), na reunión con Cores Tourís e as dúas representantes das afectadas
photo_camera O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey (izq.), na reunión con Cores Tourís e as dúas representantes das afectadas

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, reuniuse este luns co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e dúas representantes das usuarias do servizo de Matronas deste municipio, para analizar a situación do mesmo, tanto no referente ao persoal como ao espazo.

Neste sentido, Cores Tourís sinalou que "tendo en conta a carencia de matronas que existe na actualidade, a Administración autonómica fixo todo o posible non só por manter o servizo, senón ademais por incrementalo un día máis á semana". Polo tanto, a partir deste luns, o Centro de Saúde de Caldas de Reis ofrece tres días de prestación asistencial de man da matrona.

Cores Tourís Xunta de Galicia 
"A parcela para a construción dun centro médico debe ser gratuitamente cedida polo Concello"

"A Administración autonómica fixo todo o posible por manter o servizo de Matrona en Caldas de Reis"

Ademais, no encontro tamén se falou sobre o local no que se está a atender ás futuras nais. O delegado territorial destacou que as atencións da matrona estanse a realizar nunhas instalacións que, no seu momento, foron cedidas polo Concello, polo que engadiu que "as representantes das futuras nais solicitáronnos que se buscase un espazo no Centro de Saúde para que polo menos a matrona poida atender alí, ademais de ter en conta a petición de Juan Manuel Rey de realizar as clases de preparación ao parto nun espazo próximo".

Por este motivo, o Concello propón "utilizar o antigo centro comarcal, onde na actualidade se atopa a Oficina Agraria da Consellería de Medio Rural", apuntou o alcalde de Caldas de Reis. Con todo, isto non lle pareceu boa idea ao delegado territorial, xa que "suporía que os traballadores e os usuarios tivesen que desprazarse fóra do centro urbano". Polo tanto, chegaron ao consenso de que a solución sería atopar un local axeitado para a Oficina Agraria, algo que polo momento non puido ser.

Finalmente, en relación ás demandas das afectadas, o delegado territorial trasladoulles que a Xerencia do CHOP ten constancia de que a bañeira de dilatación do Hospital Provincial está inoperativa, "pero xa se realizou unha valoración e se lle dará unha solución o máis pronto posible", concluíu Cores Tourís.

Comentarios