Catro desaparicións sen resolver en Pontevedra

Sonia Iglesias, Elías Carrera, Daniel Pousa e Lilia Miguéns son as persoas que, baixo circunstancias moi distintas, permanecen lonxe dos seus fogares
Sonia Iglesias
photo_camera Sonia Iglesias

A comunidade autónoma de Galicia suma actualmente un total de 13 casos sen resolver de persoas desaparecidas. Cinco na provincia da Coruña, un en Lugo, tres en Ourense e catro na provincia pontevedresa. Sonia Iglesias, Elías Carrera, Daniel Pousa e Lilia Miguéns son as persoas ás que se lle perdeu a pista nos últimos anos, catro desaparicións que deixaron tras de si un gran sentimento de desesperanza e incertidume nas súas familias e, incluso, na sociedade galega.

SENSIBILIZACIÓN- Tanto no momento da desaparición de Sonia Iglesias, coma hoxe, sete anos despois, as xentes da cidade de Pontevedra continúan levando mostras de apoio á familia da moza. Ademais, os seus familiares, que aínda non perderon a esperanza, continúan organizando marchas pola cidade. Segundo a irmá de Sonia, Maricarmen Iglesias, "é importante seguir facéndoo para que nos apoien como sempre o fixeron, e que a maior cantidade de xente posible acuda á marcha para que o caso non caia no esquecemento".

Cada un dos casos ten as súas particularidades, dende a inexistencia de rastro algún da ausencia da persoa ata sospeitas de secuestro ou algo peor.

As catro sucederon entre o verán de 2010, no caso da pontevedresa Sonia Iglesias, e o mes de xuño de 2015, cando Lilia Miguéns saíu a pasear por Valga

A primeira das catro desaparicións foi a de Sonia Iglesias Eirín, unha moza de 37 anos, o 18 de agosto de 2010. Antes dos feitos, Sonia residía na cidade de Pontevedra, no Campo da Torre. O último día que foi vista, acudiu, pola mañá, xunto coa súa parella, Julio Araújo, do que tiña pensado separarse, a realizar uns recados no centro da cidade. Posteriormente, Sonia debería terse presentado, ás 11.00 horas, no seu posto de traballo, mais non o fixo. Os seus compañeiros, ao notar a súa extraña ausencia deron aviso á súa parella, ao lugar de traballo de Sonia, na planta superior de Massimo Dutti.

A xustiza sinalou a Julio Araújo como sospeitoso, mais, co paso do tempo, quedou exonerado da acusación. Pola contra, a hora na que Sonia Iglesias foi vista por última vez era un momento no que as rúas do centro da cidade están ateigadas de xente, polo que un forcexeo non pasaría desapercibido, motivo polo que a familia da xoven opina que "tivo que ser alguén de moita confianza para que ela entrase nun coche sen saber o que lle pasaría", sinalou a nai de Sonia, Carmen Eirín.

Despois de sete anos, o caso continúa aberto, sen máis pistas nin novidades. Tanto a familia de Sonia Iglesias como a Boa Vila enteira seguen preguntándose onde estará. Sen dúbida, esta é a desaparición máis inquietante que se recorda na cidade das pontes.

Elías Carrera é outra das persoas desaparecidas na provincia de Pontevedra. É un taxista de 61 anos natural de Ourense. Foi visto por última vez en Vigo, onde devolveu un coche que alugara horas antes na estación de tren de Ourense, o 18 de xullo de 2013. Ese mesmo día, o home quedou coas súas fillas para comer. Elas aseguraron que foi un encontro normal, e que seu pai en ningún momento lles mencionou a súa intención de acudir á cidade viguesa.

Ademais, a muller de Elías, Mercedes Rivero, explicou que "non lle pasaba nada grave como para afastarse sen máis, sen dar ningunha explicación. A situación familiar era estupenda e non tiña ningún problema con ninguén", polo que a súa familia vive na incertidume de non saber o que lle ocorreu, posto que "aínda que os ingresos do taxi descenderan, era un home moi querido na súa profesión, tiña moitos amigos e sei que ninguén lle faría dano", declarou Mercedes.

Con todo, xa hai catro anos que a familia non sabe nada de Elías. Na dúa desesperación, os máis achegados do home contrataron un detective privado, pero non lograron descubrir ningún dato máis do paradoiro de Elías Carrera. Co paso do tempo, a Policía foi reducindo a intensidade da busca. Segundo explicou Mercedes: "Somos conscientes de que a Policía considera que a desaparición foi voluntaria e cre que iso pode determinar a continuidade do seu traballo. Pero teño claro que a Elías pasáballe algo que puido provocar a súa marcha".




O 11 de xaneiro de 2014 foi o último día que foi visto Daniel Pousa, un veciño de Goián de 62 anos de idade. Vivía só co seu can. Os membros da comisión de festas de San Lourenzo foron as últimas persoas que o viron cando foi realizar un donativo para as mesmas. O único que se sabe é que saíu da súa vivenda cunha bicicleta vermella e que deixou a súa documentación na casa. Ademais, case dúas semanas despois da súa desaparición, as pesquisas policiais apuntaban cara a unha venganza dos seus veciños, xa que Daniel acumulaba varias denuncias contra eles que non lle facilitaron moitas amizades. Con todo, a día de hoxe aínda se descoñecen os motivos da súa ausencia.



Por último, Lilia Miguéns, unha muller de 79 anos, sen ningún tipo de enfermidade que afectase á súa memoria, aínda que si seguía un tratamento de quimioterapia, saíu da vivenda que compartía co seu irmán en Valga a pasear, o 25 de xuño de 2015, e non regresou. Non era a primeira vez que Lilia pasaba horas fóra da casa, pero segundo o seu irmán, "sempre volve. Somos de Lugo, temos casa alí e unha vez colleu un taxi cara alá". Seu irmán deu a voz de alarma cando a muller non volveu para acudir ao hospital para a sesión de quimioterapia que lle tocaba esa tarde.

Comentarios