O norirlandés Neil Hannon conquista Pontevedra

Un auditorio do Pazo da Cultura ateigado recibiu a The Divine Comedy, dentro do ciclo Voices
Concierto de The Divine Comedy en Pontevedra
photo_camera Concierto de The Divine Comedy en Pontevedra

Un auditorio do Pazo da Cultura ateigado recibiu este venres pola noite a The Divine Comedy, a banda do norirlandés Neil Hannon, que viña a actuar dentro de Voices, o mesmo ciclo que tamén trouxo á cidade a Macy Gray e Maika Makovski. "

It's great to be back in Galicia" ("É xenial volver a Galicia"), saudou un encantador e entregado Hannon, que bromeou co público e coa súa banda ao longo de toda a noite, a pesar de queixarse, como xa fixera hai dous días en Toledo, dunha dor de costas que lle impedía bailar e moverse como a el lle gustaría.

O show, dividido en dúas partes, unha primeira na que actuou vestido de Napoleón Bonaparte e unha segunda na que apareceu xa de traxe, serviulle para presentar en directo temas do seu último álbum, Foreverland, e algúns dos máis importantes da súa traxectoria. Así, fóronse escoitando Absent Friends, Napoleon Complex, To the Rescue (que levou unha das ovacións da noite), Sweden e Our Mutual Friend (con baixada ao patio de butacas e dramatización da letra incluídas).

Cando levaba hora e media de concerto, Hannon anunciou que chegaban, para rematar o show, "as cancións de festa". O público ergueuse para (por fin) bailar ata que chegou a apoteose final con A drinking song e Tonight we fly.

Comentarios