Fotografía: As 'Areas de sal', de Xan Xiadas

Falcón y Pousseu atópanse 'Na beira do río'

Ateigan de público a sala de arte do Pazo durante a apertura da súa mostra

"O que fai especial a exposición deste ano é que a destes dous creadores é pintura para gozar". O comisario de Na beira do río. Diálogos na pintura, Ramón Rozas, foi o encargado de presentar este xoves, nunha sala de exposicións do Pazo da Cultura ateigada de público, o traballo dos dous autores que protagonizan este ano a mostra coa que se inaugura a programación cultural do outono en Pontevedra. Ata o 12 de novembro pode gozarse da sétima edición deste proxecto expositivo que, desta volta, enfronta o traballo de Jaime Falcón (Cambados, Pontevedra, 1942) co de Agustín Pousseu (Santa María-Río Grande do Sul, Brasil, 1958), ambos afincados en Pontevedra.

"Eu levaba tempo detrás de Jaime Falcón, un autor do que oíra falar, pero do que nunca vira traballo exposto en Pontevedra". Levaba 20 anos sen mostrar na cidade a súa obra. Ata este xoves. "Cando vin o que estaba a facer no seu estudio quixen que este fora o espazo no que se reconciliase dalgunha maneira coa cidade", explicou Rozas. "Tocaba entón buscar unha parella e, cando coincidín con Agustín Pousseu, souben que encaixaba perfectamente co seu compañeiro".

FOUCES. Rozas estivo acompañado na inauguración, ademais de polos dous artistas, polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola concelleira de Cultura, Carme Fouces. O primeiro dixo sentirse orgulloso da actividade cultural da cidade. "En Pontevedra, se buscas, atopas sempre", dixo. A segunda lembrou que debutaba como anfitrioa deste proxecto expositivo, "posto en marcha e desenvolvido con anterioridade por Anxos Riveiro", dixo Rozas. "O espírito co que o realizamos segue a ser o mesmo que ao principio: ofrecer un outono cheo de actividade expositiva centrada na pintura, un xénero que recobra cada vez máis forza".

No acto deste xoves tamén actuou un dúo conformado pola vocalista Ada Pousseu, filla do pintor que expón a súa obra, e a pianista Andrea González.

Comentarios