Silva non recibirá a Telmo Martín por ser alcalde tras unha moción "vergoñenta"

"Detesto esa forma de actuar que tiña Rafael Louzán e que agora herdou Alfonso Rueda", dixo a presidenta provincial

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, descarta recibir ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. Así o confirmou nun almorzo informativo que a máxima responsable da institución provincial mantivo cos medios de comunicación na comarca do Deza.

Preguntada sobre a pretensión do rexedor sanxenxino de celebrar un encontro para abordar a situación da reforma da avenida Luis Rocafort, Silva volveu insistir en que "non vou recibir a ningún alcalde produto de mocións de censura vergoñentas, porque eu detesto politicamente, pero tamén persoalmente, como cidadá e tamén como demócrata, esa forma de actuar que tiña Rafael Louzán de facer mocións de censura na provincia e que agora herdou o señor vicepresidente da Xunta", afirmou, en referencia ao novo responsable provincial do PP, Alfonso Rueda.

"Teño moitos defectos e algunhas virtudes, unha delas é que sempre digo a verdade, e son clara e transparente"

"Eu teño moitos defectos e algunhas virtudes, unha delas é que sempre digo a verdade, e son clara e transparente. E díxeno no Pleno: non os vou recibir", subliñou, á vez que matizou que "atenderemos os seus concellos, que van ter os mesmos recursos que os demais e van a formar parte de todos os proxectos que desenvolvamos, porque os veciños non teñen a culpa de que o PP sexa un partido que use estes métodos antidemocráticos".

MESA TURÍSTICA. Sobre a petición do Partido Popular de crear unha mesa turística a nivel provincial, Carmela Silva recordou que "xa a estamos elaborando, tendo moi en conta a opinión dos concellos da provincia de Pontevedra".

"Cando chegamos á Deputación inmediatamente aprobamos un plan básico do turismo, onde sinalabamos cáles eran os eixes fundamentais do turismo, e anunciamos que iamos sacar adiante un plan estratéxico, que en decembro deste ano estará aprobado", finalizou a presidenta da Deputación pontevedresa.

Comentarios