Leiceaga lembra que "os pactos son lexítimos, pero por agora non hai nada"

O candidato a dirixir o PSdeG confía nun novo esforzo da militancia e unha boa participación o vindeiro 8 de outubro
Leiceaga protagonizou un acto coa militancia local, ó que asistiron os pesos pesados do partido
photo_camera Leiceaga protagonizou un acto coa militancia local, ó que asistiron os pesos pesados do partido

O candidato a dirixir o PSOE galego Xoaquín Fernández Leiceaga mantivo este martes un encontro coa militancia local para pulsar as súas inquedanzas e solicitar o seu apoio de cara ás primarias do vindeiro 8 de outubro.

"O medo ós pactos vén de quen ve difícil chegar ata o final. Eu estou disposto a integrar no meu proxecto a xente de todas as candidaturas"

Antes de participar nun acto ao que asistiron os pesos pesados do partido a nivel local e provincial (Tino Fernández, Antón Louro, Santos Héctor, Patricia Vilán e Guillermo Meijón, entre outros), Leiceaga lembrou que "estamos coa recollida de avais e facendo un traballo de moita proximidade coas agrupacións, intentado visitar o maior número posible delas. E a cousa vai razoablemente ben".

Recoñece que Pontevedra é un feudo complicado para os seus intereses, "pero en todas as agrupacións importantes sempre hai avais e votos para todos os candidatos. De tódolos xeitos, aquí sempre tiven un apoio sólido e agardo que se manteña".

Malia que percibe una boa disposición da militancia a participar e implicarse neste proceso, o candidato admite, nembargantes, que "lle estamos a esixir moito esforzo, por tanta sucesión de primarias e os enfangosos trámites que iso acarrea, como os avais, as votacións, etc.".

Sobre a tan cacarexada posibilidade dos pactos, o actual voceiro do PSdeG quixo deixar claro que "son lexítimos, sempre que se expliquen". Fronte ás voces que aseguran terse deixado querer, replicou que "de momento non hai nada porque aspiro a ser o novo secretario xeral, pero estou disposto a integrar no meu proxecto a xente de todas as candidaturas".

"Pontevedra é un feudo complicado, pero aquí sempre tiven un apoio sólido e agardo que se manteña"

Tamén tivo un recadiño para os que critican esa dispoñibilidade cara as alianzas: "O medo ós pactos vén dunha candidatura que ve difícil chegar ata o final".

Finalmente, Xoaquín Fernández Leiceaga tamén se referiu á polémica sobre o seu relevo na portavocía do Parlamento, cargo que agora ocupa de xeito interino. "As novas executivas do partido sempre deciden quen son os portavoces nos distintos ámbitos. Cando remate este proceso, xa se abrirá outro para resolver esta cuestión", puntualizou.

Comentarios