'Diálogos na pintura' entre Jaime Falcón e Pousseu

O creador cambadés volve expoñer na capital da provincia tras 20 anos de ausencia e faino presentando a súa obra máis recente no Pazo da Cultura
Unha das obras de Jaime Falcón
photo_camera Unha das obras de Jaime Falcón

Os creadores Jaime Falcón e Agustín Pousseu serán os protagonistas da sétima edición da exposición Na beira do río. Diálogos na pintura, que se inaugura o 14 de setembro no Pazo da Cultura (20.00 horas). A mostra, que enfronta nun mesmo espazo as obras de dous pintores baixo o comisariado de Ramón Rozas, poderase visitar ata o 12 de novembro.

Jaime Falcón (Cambados, Pontevedra, 1942) e Agustín Pousseu (Santa María-Río Grande do Sul, Brasil, 1958), os dous afincados na capital da provincia, "veñen a renovar a súa sobranceira posición no eido cultural a través da súa propia linguaxe, que nesta exposición enguedéllase entre si para compoñer unha nova mirada dende esa conversa aberta a todos nós", explica o comisario. "Ambos traballan dende esa profundidade que esixe a pintura. A loita co lenzo en branco para resolver problemas á hora de armar unha composición axeitada, porque se algo preocupa a ambos é honrar esa paixón pictórica".

LENDAS. As lendas e tradicións populares, o mar ou o Entroido son algunhas das temáticas que escolle Falcón para compoñer o seu traballo recente, que será o que mostrará no Pazo da Cultura tras 20 anos sen expoñer na capital da provincia. "Paisaxes debulladas dende a experiencia interior, veladuras que xeran unha atmosfera abraiante para encher de maxia cada un dos seus lenzos, figuras dunha mirada infinda cara o horizonte e as súas características máscaras, de longa tradición na historia da pintura, e que amosan aquí a habilidade do autor para manexar unha temática tan complexa pero de fascinantes conquistas para o goce do espectador", explica Ramón Rozas.

Xunto a el estará Pousseu, un autor "que fuxe dun tratamento mecánico da pintura, da repetición que aburra ao espectador, pero tamén ao artista, tentando conseguir novas solucións para unha arte que se desprega máis aló do pictórico, achegándose ao escultórico, o arquitectónico ou ao deseño". En Diálogos na pintura presentará a súa serie Reflexos máxicos, que se constrúe "dende esa xénese do creador onde tamén a música ou a escrita conflúen nuns cadros que agochan e contan moitas cousas".

O espazo expositivo do Pazo da Cultura completarase cunha mostra de fotografía que se inauguraráo día 21 de setembro.

Comentarios