A Xunta garante a seguridade para os alumnos nas obras do CEIP Vilaverde

Os traballos de mellora enerxética adxudicáronse por valor de 381.000 euros
Reunión de Pérez Ares e Cores Tourís no CEIP Vilaverde
photo_camera Reunión de Pérez Ares e Cores Tourís no CEIP Vilaverde

Ante a preocupación da comunidade educativa do CEIP Vilaverde-Mourente polas obras de mellora enerxética previstas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o delegado territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron o centro co obxectivo de analizar coa empresa adxudicataria o plan de traballo que se porá en marcha nos vindeiros días.

Os responsables institucionaisreuníronse con membros do equipo directivo do centro, da ANPA e da Unidade Técnica da Xefatura Territorial, que explicaron que os traballos consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns, a substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas e a reparación e o pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista.

Segundo apuntaron os responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial e da empresa, os traballos levaranse a cabo aplicando un protocolo de seguridade que garantirá que a comunidade educativa non se vexa prexudicada polas obras. Por outra banda, a retirada do amianto levarase a cabo tamén a través dunha empresa especializada nun horario no que se garanta que non hai nin alumnos nin persoal educativo no colexio.


A retirada do amianto existente no centro será levada a cabo por unha empresa especializada fóra do horario escolar


"Ante todo quixemos agradecer a colaboración da comunidade educativa deste centro, e recordámoslles que este tipo de obras, de gran importancia, xa se fixo noutros cinco centros da provincia nos últimos tempos, entre outros no Campolongo e no Chancelas, e nunca se produciu problema de ningún tipo porque hai total coordinación entre a dirección do centro, a Unidade Técnica da Xunta e as empresas encargadas das obras", engadiu pola súa banda o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

As obras foron adxudicadas esta mesma semana á empresa Taboada e Ramos e teñen un orzamento que rolda os 381.000 euros.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vai acometer este ano as obras de mellora enerxética tanto neste centro como no CPI de Mosteiro (Meis) por un importe estimado de preto de 940.000 euros cofinanciados con fondos Feder e repartidos a partes iguais entre os dous centros.

Estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúan no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

MÁIS REFORMAS. Outros sete centros da capital serán este ano en reformas en concreto a EEI Concepción Crespo Rivas, o CEIP A Xunqueira I, o CEIP Álvarez Limeses, o CEIP de Marcón, o CEIP Manuel Vidal Portela e o CEIP Vilaverde, cun investimento de 704.991 euros, "aos que debemos sumar tamén os traballos de seamento do ximnasio do IES Xunqueira I e a instalación do novo transformador eléctrico do IES de Montecelo", matizou o delegado territorial.

As obras nos centros de Primaria centraranse na mellora da accesibilidade e na reforma de aseos, de sistemas de iluminación e de eficiencia enerxética. "En total, xunto as obras que se realizarán estamos a falar dun investimento que este ano superará os 705.000 euros nos colexios da cidade do Lérez", especificou José Manuel Cores Tourís.

Nos últimos anos, a Xunta destinou ata 7,5 millóns de euros á mellora e reforma dos centros educativos de Primaria e Secundaria do municipio, segundo subliñou o responsable territorial de Educación.

Comentarios