O Armadiña Rock vén forte

O festival dará o toque rebelde á Festa do Mar con concertos dende o mediodía ata altas horas da madrugada

Un total de 15 bandas de diferentes estilos, dende punk ata metal ou soul, protagonizarán a novena edición do Armadiña Rock de Combarro. O ritmo será practicamente constante, dende as sesións vermú ata os concertos nocturnos na Praza da Chousa, que no caso do próximo sábado non rematarán ata ben pasadas as 4.00 horas da mañá.

Os concertos empezarán o venres ás 22.00 horas con Blues do País, que versionará os clásicos do blues e o soul internacional en galego e cun "golpe de retranca". Seguiranlles ás 23.10 Brinkadelia Troupe, ca súa mestura de ska, reggae, cumbia, rock ou funk.

O primeiro dos pratos fortes do festival, o mítico grupo de rock bravú Heredeiros da Crus, subirá ó escenario ás 00.20, e a continuación chegará o grupo de ska/punk galego Dakidarría, ás 2.40 horas.

O sábado, a música comezará xa ás 13.00 horas cunha sesión vermú da man de Skarnivals na Praza da Rualeira. Neste mesmo espazo haberá outros dous concertos pola tarde, o de Leo i Arremecághona ás 16.30 e o de DeLombaos dúas horas despois. Tamén haberá un pasarrúas de Fanfarria Taquikardia, ás 17.30 polo recinto histórico da vila.

Chegada a noite, a Praza da Chousa albergará outros seis concertos a partir das 20.30, empezando cos composteláns Carla Green & the Demons e os madrileños Kitai. Ás 22.50 será a quenda doutra coñecida banda punk galega, Ruxe Ruxe, que dará paso á medianoite ó ska/punk dos italianos Talco.

A mestura de rap e hardcore dos míticos Def con Dos chegará á 1.30, e xa ás 3.40 irromperá o dúo galego de grunge Bala.

O día seguinte haberá unha sesión vermú con Soul Breakers.

Comentarios