Marcos Mariño medirá en Siberia as súas habilidades de escultura con motoserra

O veciño de Arcade participará a vindeira semana na X Festa da Machada da cidade rusa de Tomsk, un dos principais certames internacionais de esta disciplina artística e de exhibición
O escultor Marcos Mariño cunha motoserra dos seus patrocinadores, a firma sueca Husqvarna
photo_camera O escultor Marcos Mariño cunha motoserra dos seus patrocinadores, a firma sueca Husqvarna

O tallista de madeira Marcos Mariño Seoane (Pontevedra, 1973) emprega para realizar o seu arte unha ferramenta moi particular: a motoserra. A súa habilidade co impoñente instrumento valeulle unha invitación para participar na competición de escultura con motoserra da Festa da Machada de Tomsk, Siberia, sendo o primeiro artista con motoserra de todo o estado en recibir tal distinción. O selecto certame reunirá a tallistas de países de todo o mundo, dende Brasil, Chile ou República Dominicana ata Mongolia, Uzbekistán ou China.

Aínda que en Galicia e en España esta modalidade artística aínda é bastante descoñecida, noutros países, coma Estados Unidos, Alemaña ou a propia Rusia goza de certa popularidade. De feito, a Festa da Machada atrae cada ano a máis de 150.000 persoas a disfrutar das exhibicións, e celebra con esta edición o seu décimo aniversario.

O certo é que a escultura con motoserra ten moito de exhibición e incluso de deporte, dada a espectacularidade e a esixencia física que supón crear pezas en vivo a partir de toneladas de madeira, as veces incluso en probas contrarreloxo. Porén, a Marcos, que se formou coma escultor tradicional na escola Mestre Mateo de Santiago, atráelle máis a faceta artística da disciplina, e iso é o que marca a diferencia. "En España hai un nivel máis de exhibición, orientado a crear típicas pezas moi ensaiadas, coma garzas ou aguiachos, para que o público vexa a maquinaria en acción", explica o tallista, mentres que competicións coma esta enfócanse máis ó aspecto artístico.

Para facer fronte ós grandes gastos que supón esta disciplina, o escultor galego conta co patrocinio de Husqvarna. A marca sueca proporciónalle a maquinaria e protección especializada para crear o seu arte, xa que necesita motoserras máis precisas para dotar de maior detalle ás pezas.

A categoría na que participa Marcos esixe presentar un proxecto previo, e é consciente de que competirá contra obras de gran complexidade. "Alguén ten que quedar último", bromea con modestia; "En España aínda estamos en cueiros, mentres que en outros países levan moitos máis anos nisto e teñen un nivel impresionante". En todo caso, esta satisfeito de ter sido invitado ó evento e aspira a participar nun futuro na Huskycup alemá, a competición mundial máis prestixiosa da escultura en motoserra.

Comentarios