Kull d'sac pecha a xornada do mércores na Praza da Ferrería

Os nenos de Pontevedra fan de Lilo o seu can

O monicreque xigante de Actua Productions convértese no protagonista da primeira xornada do festival Itineranta
'El pequeño Lilo', espectáculo no festival Itineranta, en Pontevedra
photo_camera 'El pequeño Lilo', espectáculo no festival Itineranta, en Pontevedra

Lilo conquistou o corazón dos máis pequenos dende o mesmo momento no que saíu da Praza do Teucro, pero Itineranta comezara xa había un pedazo, da man do profesor Chispero, que sacou os seus xoguetes a pasear onte por Pontevedra. Con este personaxe da compañía Bambalúa Teatro, de Burgos, quedou inaugurada a oitava edición Festival de Espectáculos de Rúa Itinerantes, que organiza a compañía Troula para o Concello de Pontevedra e que se prolongará ata mañá.

"Preparaos, ‘cacharros’, que nos vamos de fiesta por Pontevedra", berraba Chispero ao comezo do percorrido. "No os metáis en las tiendas, no corráis detrás de los animales, no comáis chuches...". Os Cacharros, que é como se titula o show de Bambalúa saíron, primeiro, ás oito da tarde, puntualísimos, da Praza de España. Pasaron pola Peregrina e volveron a Curros Enríquez facendo as delicias dos máis pequenos. Como é habitual, o festival adica a última hora da tarde aos espectáculos de corte máis familiar e, segundo avanza a noite, vai programando os que están dirixidos ao público adulto. Aínda que, como en anos anteriores, os cativos resistíronse a marchar coa chegada da escuridade. Así que cando os Cacharros volveron facer o mesmo percorrido, a partir das nove e media da noite, moitos nenos agardábanos pola rúa.

Os artiluxios mecánicos que Chispero trouxo a Pontevedra eran catro xoguetes de grandes dimensións que funcionan a corda, saúdan ao público e interactúan con el, rodeados dun tremendo balbordo. o can. A programación da primeira xornada da Itineranta incluíu tamén os espectáculos El pequeño Lilo, dos cataláns Actua Productions, e La dama de trapos, dos cordobeses Alas Circo Teatro. "¿Quién no ha deseado tener un perro alguna vez?", explica sobre o seu show Actua Productions. "Pero atención niños y niñas, papás y mamás, Lilo es muy grande y no cabe dentro de vuestra casa". Dentro da casa non cabe, pero dende o Teucro ata Curros Enríquez, pasando polas Cinco Rúas e Méndez Núñez, non parou de ‘trastear’ con nenos e grandes. "Lilo, Lilo", chamábano para acariñalo. Foi a proposta da que máis gozou o público infantil, que non cansou de perseguir ao monicreque xigante e xogar con el.

O último show do día foi o de Alas Circo Teatro. Fixo, xa de noite, o percorrido que vai da Praza de Méndez Núñez á da Peregrina, pasando pola da Leña. Monstros, fadas, trasgos e troles mesturáronse nesta proposta que permitiu ver números circenses de distinto tipo. A compañía describe así a súa montaxe: "En un pequeño taller de costura, repleto de infinitas telas, retales y costuras sin terminar, trabajaba sin parar una costurera", din na súa páxina web. "Un día cualquiera, todas las telas comenzaron a abrazarla trenzándose en su cuerpo y convirtiéndola en la Dama de Trapos". Trapecio, malabares, acrobacias e contorsións puideron verse neste último espectáculo.

Comentarios