Máis de 9.600 firmas por un subparque de bombeiros propio en Terra de Montes

O retraso na actuación contra o incendio da carpintaría de Tenorio reaviva o interese nunha reclamación que vén de varios anos atrás, e que se ubicaría onde o PAC de Cerdedo
Os afectados polo incendio de Tenorio, agravado pola tardía resposta dos servizos de emerxencia, na carpintaría calcinada 25 días despois
photo_camera Os afectados polo incendio de Tenorio, agravado pola tardía resposta dos servizos de emerxencia, na carpintaría calcinada 25 días despois

Asociacións veciñais de Cerdedo, Forcarei e outras localidades de Terra de Montes reclaman dende fai varios anos unha mellor atención por parte dos servizos de emerxencias na zona. A tardanza en comezar as labores de extinción do lume que o pasado 15 de Xullo consumiu unha carpintaría e unha vivenda na parroquia cotobadense de Tenorio fixo evidente a necesidade de contar cun subparque de bombeiros propio no PAC de Cerdedo.

Outros municipios, coma Ponte Caldelas ou Campo Lameiro, poderían beneficiarse tamén de esta proposta, que xa recibiu no seu día o visto bó do Parque Intercomarcal de Bombeiros do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Ademais, os promotores da recollida de firmas reclaman unha ambulancia asistencial propia para a zona, ó entender que a velocidade na actuación ante as emerxencias é decisiva e non é suficiente cos medios actuais debido á gran extensión que teñen que cubrir.

A pesar de que a petición remóntase a 2014, a raíz dun incendio no lugar cercedense de Meilide, as administracións públicas non deron aínda resposta á demanda veciñal. A campaña de recollida de sinaturas conta xa con máis de 8.600 rúbricas online na web change.org, ás que se suman máis de un milleiro en papel.

25 DÍAS DO INCENDIO. Tiveron que ser os bombeiros do Salnés, chegados dende Ribadumia, e os do Morrazo, os que se enfrentaran ó lume da carpintaría de Tenorio, para o que non se movilizou ós bombeiros de Pontevedra a pesar de estar máis preto da zona afectada. O incendio foi declarado ás 19.30h, pero os bombeiros do Salnés non puideron chegar ata as 20.05h, e os segundos ata unha hora despois. Foron os veciños da localidade os que tiveron que comezar a extinción do lume. Máis de tres semanas despois do tráxico suceso, que calcinou por completo a vivenda e o medio de traballo dos seus residentes, os afectados aínda agardan polo informe da policía científica e a resolución xudicial que lles permita tomar accións legais contra os responsables do suceso. Ó respecto, José Manuel Amoedo, fillo do dono da carpintería, afirma categórico que "a causa é clara, foi por culpa de Fenosa". Mentres tanto, agradeceu o apoio dos veciños e do Concello, que puxeron á súa disposición alternativas de vivenda e unha conta bancaria para donacións, así coma da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, que colaborará denunciando os feitos.

Comentarios