Programación completa

Amal en feminino

A extensión pontevedresa da Mostra de Cinema Euroárabe proxectará sete películas no Principal entre o 4 e o 9 de setembro
Fotograma de '3.000 noches', película que será proxectada no festival Amal en Pontevedra
photo_camera Fotograma de '3.000 noches', película que será proxectada no festival Amal en Pontevedra

Sete filmes, que se poderán ver entre os días 4 e 9 de setembro no Teatro Principal (todos ás 21.00 horas e con entrada de balde), compoñen a segunda edición da extensión pontevedresa da Mostra de Cinema Euroárabe Amal. O evento, que se celebra cada ano en Santiago de Compostela, en 2016, por vez primeira, trouxo unha selección dos seus títulos a Pontevedra baixo o lema Amal en Ruta. Agora repite.

"Esta é xa a nosa segunda casa", dixo onte o presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, que presentou a programación da mostra acompañado pola concelleira de Cultura, Carme Fouces. "Sen buscalo, desta vez, saiunos unha edición cun marcado protagonismo feminino", engadiu o responsable do proxecto. Das sete películas, cinco están dirixidas por mulleres e en todas elas se propón un achegamento á súa realidade dende distintas perspectivas. "A realidade é que o cine árabe é moi social e reflexivo. Non pecha os ollos ante o que sucede", dixo Ghaleb Jaber Martínez. "O gran valor deste festival é que permite ver todos estes títulos xuntos, unha circunstancia que rara vez se pode dar".

A mostra inclúe a proxección de dous documentais: After Spring e Nearby Sky. O primeiro "propón unha reflexión sobre a realidade dos refuxiados sirios, como Zahra Mahmoud, a nena de ollada penetrante que eliximos para ser a imaxe do festival este ano". O segundo conta a historia de Fátima Alhameli, que foi a primeira muller que conseguiu ser propietaria de camelos nos Emiratos Árabes, "un exemplo na loita por seguir derrubando estereotipos, neste caso, relacionándoo co respecto á tradición e a si mesma".

A programación inclúe tamén unha película "moi valente", da directora de Iemen Khadija Al-Salami, na que se achega á realidade dos matrimonios concertados con nenas, e o segundo filme de toda a historia apoiado polo goberno de Arabia Saudita, "que hai que ver como as películas que Berlanga filmaba durante o franquismo". A clausura do festival correrá a cargo dunha delicatessen, o clásico de Lotte Reiniger Las aventuras del príncipe Achmed con música en directo do Cospervek Trío.

Comentarios