Radiografía da arte que se está a facer en Galicia

Ata o 17 de setembro pode visitarse no claustro superior do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a obra seleccionada no certame artístico Novos Valores
Inauguración da exposición de Novos Valores, no Edificio Sarmiento
photo_camera Inauguración da exposición de Novos Valores, no Edificio Sarmiento

Moita fotografía e moito retrato coinciden na exposición coa obra seleccionada no certame Novos Valores de 2017, que se inaugurou o xoves no Museo de Pontevedra. "Esta é unha mostra especial porque nela concorren modernidade e tradición", comezou dicindo o director da institución, Carlos Valle, na apertura do acto. "Modernidade porque este certame supón unha radiografía da arte que se está a facer nestes momentos. E tradición porque a iniciativa ten as súas raíces nas bolsas que a Deputación entrega dende finais do século XIX".

Unha escultura de Yolanda Ríos; unha peza que mestura debuxo e fotografía de Malú Feijóo; unha foto de Aitor Víctor Fernández e un debuxo de Borja Guerrero foron as catro obras que recibiron unha bolsa de Novos Valores este ano. Así o decidiu un xurado composto polo mencionado Carlos Valle; os mestres e creadores Manuel Moldes e Yolanda Herranz; o comisario e crítico Miguel Fernández-Cid; a decana de Belas Artes, Silvia García; a técnica en xestión cultural María del Carmen Baloira, e o xefe do Servizo de Cultura, Antonio Santos, que actuou como secretario. Varios deles estiveron onte presentes na inauguración dunha mostra, composta por 37 traballos (dos 101 presentados ao certame), que se poderá visitar no claustro superior do Edificio Sarmiento ata o 17 de setembro. No acto de apertura tamén participou o deputado de Cultura, Xosé Leal. "Non se me ocorre mellor entrada no circuito artístico galego que cun premio coma este", dixo.

Novos Valores recoñece os traballos premiados con bolsas da Deputación. Ademais, o galardón inclúe a exposición da obra o vindeiro verán. Así, o próximo 10 de outubro, o Museo inagurará a que está conformada polas obras dos bolseiros do ano pasado.

Comentarios