Manolo Yáñez trae de volta á cidade o cadro perdido da meretriz 'Mimitos'

O documental dirixido por Manolo Yáñez desvelou o venres o paradoiro do retrato da icona sexual dos 50
Proxección do documental Mimitos, en Pontevedra
photo_camera Proxección do documental Mimitos, en Pontevedra

O cadro da recordada meretriz pontevedresa dos anos 50 coñecida como a Mimitos atópase no despacho do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ese é o desenlace do documental La Mimitos, presentado este venres polo seu director, Manolo Yáñez, no Teatro Principal de Pontevedra, que quedou pequeno para acoller a todo o público que quixo achegarse.

A peza fai un percorrido polos recordos que algúns dos personaxes da cidade de Pontevedra teñen da prostituta convertida en icona sexual dos anos 50 na Boa Vila. Deste xeito, persoas como Sabino Torres ou Tatá Picó son o fío condutor que reconstrúe a historia dun mito do que xa non se sabe se é real ou imaxinado. É o que ten Pilarín, que así se chamaba a Mimitos, que a súa beleza e máis as súas artes de sedución desvirtuaron quen realmente foi, algo moi difícil de definir na actualidade, tal e como explica Yáñez.

A peza audiovisual tira da historia dun cadro realizado polo pintor pontevedrés Rafael Alonso no que aparece a prostituta. Dito cadro foi visto por Tatá Picó anos despois na cidade belga de Namur, tal e como explica no film. Deste xeito, Francis Lorenzo, que é o narrador da peza, emprende unha viaxe ata Bélxica para dar co amor de xuventude do seu tío, Sabino Torres. E atópaa. Lorenzo fala cunha anciá cuxa identidade non acaba de quedar clara e consegue recuperar o cadro nun pub da cidade. É así como Francis Lorenzo trae de volta o retrato de Pilarín a Pontevedra. O documental remata co actor entregándolle a pintura ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que a coloca no seu despacho á espera de atopar un lugar máis axeitado para a mesma.

Esta produción xurdiu dunha tertulia con Sabino Torres na que o editor recentemente nomeado fillo predilecto de Pontevedra falaba do antigo barrio da Moureira, que ata mediados dos anos 50 era a zona da prostitución en Pontevedra. Por aquel entón vivía Pilarín na cidade, unha moza que destacaba pola súa beleza, chegada probablemente dalgún concello da contorna e que podía permitirse vivir grazas aos ingresos que lle proporcionaban tres homes poderosos da cidade que exercían como os seus protectores. Neste sentido, era difícil acceder aos 'servizos' da meretriz, xa que tiña o privilexio de poder escoller aos clientes.

No film recréase o ambiente da Moureira nos anos 50 e varios actores encarnan a algúns dos personaxes que se interpretan. Así, Beatriz Campos é a Mimitos e Gerardo Lorenzo fai o papel de Sabino Torres, o seu tío. Como localizacións empregáronse espazos como o bar e pub La Cueva de Cris ou a Droguería Moderna, que retrocederon uns anos para poder situar ao espectador nos tempos nos que Pilarín levantaba paixóns na Boa Vila.

Comentarios