Luisito: "Queremos vinte futbolistas que se sintan todos titulares"

O técnico do Pontevedra cre que o novo plantel desta tempada ten menos diferenzas de nivel entre os seus compoñentes e destaca a súa versatilidade como principal virtude
Luisito dialoga con Álex González e Adrián León este martes en Burgáns
photo_camera Luisito dialoga con Álex González e Adrián León este martes en Burgáns

Luisito está embarcado no obxectivo da eterna mellora. Nesa aspiración de constante crecemento deportivo do Pontevedra, o técnico, en colaboración co responsable da área deportiva do club, Roberto Feáns, deu confeccionado un bloque en base a dous principios básicos: a competitividade interna dos deportistas e a súa versatilidade. Así, o teense anuncia que "vai haber máis igualdade entre uns e outros xogadores ca o ano pasado" no que, a pesar das rotacións, houbo homes coma Kevin, Trigo, Bonilla e Loureiro, que apenas tiveran descanso.

"Pretendemos que o equipo note menos os trocos. O plantel precisa dosificarse. Durante a primeira temporada en Segunda B non puidemos facelo, e menos despois das lesións de Mouriño e Álex Fernández. O ano pasado o conxunto xa se resentiu algo menos cando houbo algunha lesión", reflexiona, coa firme esperanza de que o Pontevedra 2017-18 non padeza tanto as consecuencias das baixas. "Queremos 20 futbolistas que se sintan titulares".

E ademais, tamén busca que saiban acoplarse a diferentes posicións en distintos encontros e mesmo que saiban cambiar de demarcación durante un mesmo partido, sen que o colectivo baixe de rendemento.

"Gústame moito trocar de sistema e moitas veces de aliñacións, porque depende do rival ou das circunstancias; un xogador titular un domingo pode non participar no seguinte".

De aí que "buscamos un tipo de futbolistas que se adapte a diferentes esquemas nun mesmo partido. Hai outros no mercado que son moi bos e mesmo accesibles por prezo, pero que non eran tan versátiles coma estes e por iso desbotamos a súa fichaxe", dixo.

"Queremos futbolistas con fame, que vexan que Pasarón é un lugar espectacular para reivindicarse", di o técnico


Luisito tamén lles pide "que teñan fame, que vexan que Pasarón é un lugar espectacular para reivindicarse e demostrar que teñen cabida no profesionalismo. Mellor escenario para iso ca este, non o hai". Con respecto ao curso anterior, o técnico entende que "o nivel deste plantel aumentou, pero tamén creceu o dos rivais".

CUESTIÓN DE PESO. O cadro granate comezou onte co traballo físico propio da pretemporada nunha dobre sesión que se celebrou no campo de Burgáns, en Cambados.

Luisito admitiu que a meirande parte dos protagonistas coidaron a dieta en verán, aínda que non todos. Iso si, o férreo sistema de sancións do preparador de Teo aínda non comezou a poñerse en práctica. "De momento non van ter que pasar por caixa. Hai algún que ten un pouco máis de peso do normal. Saben que me gusta que os futbolistas estean no seu peso, porque é o bo para eles. Os da temporada pasada viñeron bastante ben, pero entre os que son novos, algún ten algún quiliño de máis. Dentro do que cabe, xa o esperaba. Teñen un tempo dunha ou dúas semanas para poñerse ao día e a partir de aí xa saben que empezará a penalizar", a pagar multas, para que se entenda.

"Xa están sobre aviso, non fai falta que llelo lembre", di cun sorriso orgulloso o preparador da cidade do Lérez, que no curso 2016-17 pasou o cepillo e recadou para máis dunha merenda do equipo. "Son multas que gozamos todos. Aínda quedou un pouco da temporada pasada, xa que non se gastou todo. Busco o seu ben. As multas son simbólicas, salvo que algún se pase". E é que o maior castigo dos descoidos estivais, peor ca o alixeiramento dos petos, é o sufrimento extra que supón a pretemporada para aqueles que non realizaron coidadosamente as tarefas de mantemento das vacacións.

Comentarios