O PP esixe adecentar as piscinas de Campolongo

O principal grupo da oposición volve denunciar o "lamentable estado" do complexo
Exterior de las piscinas de Campolongo
photo_camera Exterior de las piscinas de Campolongo

O Partido Popular de Pontevedra reclama "medidas urxentes" ante os problemas que, segundo o grupo municipal que encabeza a oposición, sofren desde hai tempo as piscinas de Campolongo.

A formación que encabeza Jacobo Moreira esixe ao Goberno local "unha solución de emerxencia ante as malas condicións nas que se atopa o Complexo Deportivo de Campolongo". "Os usuarios e traballadores das Piscinas de Campolongo están a padecer temperaturas de ata 35 grados e 90% de humidade dentro das instalacións, ante a indiferenza absoluta do Goberno de Lores", denunciou este sábado o concelleiro popular, César Abal.

PROBLEMAS. Esta non é a primeira ocasión na que os populares alertan do "lamentable estado no que se atopan as Piscinas de Campolongo", pero insisten en que "co paso do tempo os problemas estanse a agravar", puntualizou o edil, "o deterioro destas instalacións durante todos estes anos, nos que se veñen sucedendo prórrogas irregulares sen sentido, é importante e estes días altas temperaturas facían totalmente desaconsellable a práctica de calquera actividade deportiva neste recinto".

"O desleixo do BNG de Lores con todo o relacionado co Complexo Deportivo de Campolongo está a alcanzar cotas inadmisibles", denunciou Abal.

A última prórroga "irregular", segundo denuncia o PP, do contrato de explotación deste complexo, finaliza o vindeiro 30 de xuño, polo que, ante o inicio da que será xa a novena, os populares esixen ao Alcalde que inclúa nela "unha solución de emerxencia para a grave situación que se está a vivir nestas instalacións", e que pasaría por arranxar ou renovar o equipo de climatización actual para poder "paliar así as penosas condicións do interior do recinto".

CARTAS NO ASUNTO. "O Goberno local debe tomar cartas no asunto dunha vez por todas e buscar unha solución con urxencia para todos estes problemas dos que vimos advertindo xa hai moito tempo", sentenciou o concelleiro popular. O Concello de Pontevedra fixo algúns intentos para que algunha empresa asumise os custes da reforma das piscinas de Campolongo a través da adxudicación da explotación do complexo deportivo por moitos anos, pero non logrou que ninguén se aventurase a encabezar un proxecto dun orzamento moi elevado e cuns beneficios que tardarían varios anos en chegar, segundo os cálculos efectuados polas firmas interesadas no seu momento.

Comentarios