PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
foto Ignacio González
►ENTREVISTA 
Votacion: 
No hay votos
Pontevedra 0

"Aínda nos estamos desfacendo dos lastres de 1979"

Recuperar a memoria de 22 nenos saídos dunha inclusa coa misión de transportar ata o outro lado do océano Atlántico a vacina contra a varíola. Ese é o obxectivo de María Solar na súa obra 'Os nenos da varíola'. Hai menos dun ano, a mesma autora exploraba as relacións e o amor na España de 1979 na novela 'As horas roubadas'

María Solar, en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

María Solar, en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Xornalista, escritora e bióloga, María Solar vén de publicar dúas novelas líderes en vendas na literatura galega: As horas roubadas (2016), premio Frei Martín Sarmiento a mellor novela, e Os nenos da varíola (2017).

Trae á Boa Vila dous libros moi exitosos no que a vendas se refire.

Os dous van xenial, tanto en galego como en castelán e en catalán. Os nenos da varíola leva de líder de vendas case dende que saíu.

Por que cre que lle gustan tanto ao público?

Eu creo que nestes dous libros falo de emocións e sentimentos. Ademais, o último ten a peculiaridade de que está baseado nun feito real. Por iso, cando ti les como se vivía en 1803 e como era a varíola quedas impresionado. Hai enfermidades ás que non lles temos medo porque non as coñecemos, pero a varíola era terrible. Se o libro che fai sentir cousas e sabes que foi un feito real, ao final a novela atrápate.

Bioloxía "Ser bióloga serviume para coñecer a varíola, para saber como se fixo a experimentación e a campaña de vacinación"

Sendo vostede xornalista, sentiuse máis cómoda contando feitos que foron reais?

Non teño preferencia. Eu busco unha historia, métome nela e non me importa se unha parte é ficcionada ou non. O que si quixen é que a parte real da historia estivese moi documentada. Por iso, os personaxes que realmente existiron están moi asentados na documentación e en todo o que se sabe da época. A carga dramática reserveina para os personaxes inventados da historia, os que non van no barco.

Que hai de ficción e realidade en As horas roubadas?

A historia é ficción. Pero está ambientado en 1979 e o escenario é moi real e moi recoñecible. Ademais, están moitos dos lastres que arrastramos hoxe en día, como o da violencia de xénero. Nas escolas, os libros ensinaban á muller a ser submisa e a estar a disposición do marido. As mulleres deixaban o traballo cando casaban, o marido era para toda a vida porque non había divorcio... É por iso que aínda nos estamos desfacendo de moitos dos lastres do ano 79.

Novelas "En ambos libros falo de emocións e sentimentos e o último, ademais, é unha historia real que atrapa ao lector"

Ademais de xornalista, vostede é bióloga. En que lle axudou o feito de ter estudado Bioloxía para escribir Os nenos da varíola?

En todo. Serviume para coñecer que era a varíola, para saber como se fixo toda a experimentación e a campaña de vacinación. Hai unha parte desta novela que é divulgadora, porque co libro tamén se aprende. Eu creo que a expedición Balmis e a historia destes nenos que levaron alí a vacina non é moi coñecida. Hai estatuas ou rúas adicadas a eles, pero non hai memoria viva, que é o que importa. Penso que nese aspecto o libro si que axudou moito. A varíola é a única enfermidade do mundo erradicada por unha vacina e 22 nenos galegos contribuíron a elo. A seguinte enfermidade que se consiga erradicar vai ser a polio, pero aínda quedan catro países. A varíola era unha enfermidade moi grave, que deixaba un 30% de mortes. Estamos falando dalgo moi importante que teríamos que ter máis en conta.

E os nenos participantes foron recompensados adecuadamente?

Iso é difícil de saber hoxe en día. Eles quedaron alá, primeiro en hospicios, algo que non foi o que lle prometeran, porque a eles dixéranlles que os ían adoptar. O doutor Balmis enviou cartas para que se cumprira o prometido e, ao final, moitos foron adoptados, pero non todos tiveron a mesma sorte. O problema é que en España o futuro que lles deperaba aos nenos do hospicio era moi penoso, porque, unha vez o abandonaban, ían á rúa.

Como foi o traballo de documentación para a obra?

Eu empecei a pensar neste libro en 2007. Levo dende aquela documentándome, aínda que non de xeito intensivo. Deixeino varias veces por desesperación, porque había cousas que non me coincidían, pero sempre conseguía retomalo. Mentres recompilaba información, ía traballando noutros libros. Cando reunín o suficiente material, a novela escribina relativamente rápido, porque levaba tanto tempo traballando na documentación que tiña moi claro o que quería escribir e como eran os personaxes reais.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.