Deputación e Cinae colaboran para usar drons e satélites na prevención de incendios

A institución provincial achega 170.000 euros ó proxecto, que se executará este ano e o vindeiro
A sinatura do convenio tivo lugar no Pazo Provincial
photo_camera A sinatura do convenio tivo lugar no Pazo Provincial

A Deputación de Pontevedra asinou un convenio de colaboración coa Fundación Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (Cinae) co obxectivo de desenvolver a investigación tecnolóxica que permita usar as informacións de satélites e drons en usos agro-forestais, como o control e a prevención dos incendios nos montes.

Os responsables de rubricar o acordo foron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente do Padroado da Cinae e reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia.

Cunha achega de 170.000 euros, a institución provincial colaborará ao longo deste ano e de 2018 nunha serie de accións que teñen como finalidade contribuír á mellora ambiental coa prestación de servizos ao sector agro-forestal no control de especies invasoras que aumentan a combustibilidade dos montes.

Silva sinalou que "deste xeito, a Universidade de Vigo vai poder desenvolver un sistema de atención temperá co que poderá controlar vía satélite estes drons" co obxectivo de que "sobrevoen e poidan vixiar as zonas de incendios para, cuns detectores infravermellos, localicen novos focos de lume e, ademais, delimiten os perímetros dos incendios con datos básicos para os servizos de extinción".

O Goberno provincial concede 4.500 € a tres egresadas da UVigo para que visiten a industria pesqueira islandesa

A presidenta provincial asegurou sentir "unha gran satisfacción" por poder asinar convenios que "teñen o punto de mira no beneficio da nosa cidadanía e, ademais, cunha temática tan interesante como é a prevención dos efectos nefastos que provocan no noso territorio os incendios forestais", dixo.

No mesmo sentido, Silva lembrou que "é moi importante seguir apostando pola investigación na aplicación das novas tecnoloxías, que ás veces nos soan a ciencia ficción, pero as cales xa son unha realidade e poden achegar grandes vantaxes para toda a cidadanía".

As accións que terán lugar ao abeiro deste convenio buscarán desenvolver as tecnoloxías que utilizan o procesado de datos procedentes de satélites, drons (RPAs) e sensores para poder intervir nos sectores medioambiental, agro-forestal e mariño.

Deste xeito, as tecnoloxías resultantes poderán ser empregadas no eido da prevención e no control dos incendios forestais e das especies invasoras localizadas nas zonas forestais, húmidas e de dunas da contorna mariña que, pola súa combustibilidade, xogan un importante factor á hora de espallar o lume. Con estas tecnoloxías, ademais, poderanse optimizar os recursos destinados a esta materia desde as institucións públicas, unhas cifras moi importantes xa que, ano tras ano, a prevención e a extinción de incendios teñen uns orzamentos de centos de millóns de euros.

Por outra parte, a presidenta da Deputación e o reitor da Universidade de Vigo tamén asinaron outro convenio polo que a institución provincial achega 4.500 euros para conceder bolsas a tres mulleres menores de trinta anos egresadas en Comercio Internacional para participar nunha visita á industria pesqueira islandesa, á Icelandic Fishieres Exhibition e ao congreso da Economía Azul que se celebrará en setembro na capital islandesa.

O proxecto pretende "favorecer a inclusión da muller entre os directivos do sector da pesca de Galicia, abrindo unha ponte entre a formación universitaria e o coñecemento das experiencias do mesmo sector nun país puxante en materia pesqueira".

Comentarios