Jesús Méndez: "É unha mágoa que cos depósitos crecendo non poidamos atopar demanda solvente para prestar"

Co crecemento prudente como máxima, a Caixa Rural Galega traspasou os 50 anos "sen pechar nunca unha oficina nin facer un Ere". O director xeral, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón, ve no escenario de baixos tipos de interese, mercado de crédito estancado e competencia "bestial" o "cóctel perfecto" para que caian as entidades que non estean ben xestionadas
Jesús Méndez Álvarez-Cedrón
photo_camera Jesús Méndez Álvarez-Cedrón

Coa concentración aumenta o risco sistémico, pois as entidades que permanecen son cada vez máis grandes. ¿Pode ser prexudicial de cara a unha futura crise financeira?
Hai varias cousas importantes. Por un lado, é moito máis fácil resolver un problema dunha entidade pequena, pois cando é moi grande é moi difícil de rescatar, porque non hai outra maior que o poida facer. Para todo isto, as autoridades europeas estableceron unha normativa de resolución que se aplicou ao Popular. Para as entidades moi grandes prevé uns requisitos de capital e produtos capaces de asumir perdas que son superiores aos do resto da banca. Temos moi pouca experiencia na resolución de entidades, co cal o sistema está deseñado pero falta por ver a súa efectividade coas que son sistémicas. Á marxe disto, as crises bancarias custan cartos, é inevitable. Falta saber quen é o protagonista da perda, que, ao final, directa ou indirectamente sempre somos os cidadáns.

Cústanos asumir que se socialicen as perdas...
Loxicamente. Pretender que as crises bancarias non teñan efectos é imposible. Ben é certo que a solución de que sexan pagadas socializadamente, e con cargo aos cartos públicos, por suposto, non é a mellor. Pero o que non podemos evitar é que estas crises bancarias deixen cadáveres polo camiño. Non serán os mesmos protagonistas, pero ao final alguén as ten que pagar.


"Este ano contamos con abrir na cidade de Pontevedra. Gústanos ir paseniño, a medida que a Caixa vai capitalizándose"


¿Como mudou o modelo das caixas rurais coa reestruturación?
Sufriu un apoio moi importante dende que a crise comezou no 2007. Téñense producido algunhas fusións, pero ningunha ata o de agora precisou axuda pública. Non se recorreu nin ao Fondo de Garantía de Depósitos nin ao Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria e os problemas que puido haber foron sempre resoltos dentro do noso perímetro. Este modelo cooperativo moi ligado ao territorio e prudente estase revelando como un modelo de éxito, pois gañamos cota de mercado e as reestruturacións que hai non son traumáticas. Nós nunca pechamos unha oficina, nin fixemos un Ere. A nosa proposta é valorada moi positivamente. De feito, nun mercado en regresión e con volumes que se reducen, estamos crecendo ano a ano. Cada vez temos máis investimento e os clientes depositan máis cartos.

Con todo, o Goberno está pensando en retomar a reforma do sector.
O ministro de Economía tense pronunciado neste senso e parécenos correcto. A lei de cooperativas de crédito ten xa moito tempo e, probablemente, nalgúns aspectos sexa mellorable. Estamos expectantes, a ver se hai un consenso parlamentario suficiente para poder sacala adiante, e convencidos de que se vai respectar o noso modelo. Os cambios van pasar polo goberno corporativo e por adaptar as entidades a este tsunami regulatorio que temos dende a UE.

No 2016 os depósitos que xestionan medraron un 10,8%. ¿Gañan clientes?
Moitos. Estamos gañando moita cota de mercado. Hai un dobre factor: o feito de non pechar oficinas e a nosa proposta baseada en produtos sinxelos, non complicados e, sobre todo, que sexan bos para o aforrador e non bos para a entidade. É unha pena que neste momento de crecemento dos depósitos non sexamos capaces de encontrar demanda solvente para poder prestar. Aínda que medrou, o investimento crediticio fíxoo bastante menos que a liquidez da que dispomos para prestar e seguir medrando.

¿E a incorporación das tecnoloxías?
Para nós é un fito fundamental. É unha ferramenta para conseguir ser máis eficientes e reducir os nosos custos e é básico porque os nosos clientes o demandan. A xente cada vez quere ter máis dispoñibilidade no ordenador ou no móbil; estas operacións non paran de medrar. É a única maneira de que con esta situación de tipos sexamos quen de seguir sendo solventes e rendibles. Con todo, aínda que damos moita importancia á banca móbil, por caixeiro e internet, somos unha banca de persoas, polo que é fundamental o contacto co cliente. Temos un sistema dual.

O que vén de pasar co Popular evidencia que non só a xestión das caixas de aforro foi dubidosa. ¿Custará superar esta crise de confianza?
Máis nos vale superala, porque a confianza é o noso primeiro valor. Sempre digo que parte do éxito da caixa radica na confianza dos nosos clientes e na reputación. É o máis difícil de conseguir e o máis fácil de perder. O certo é que a conxuntura dificulta extraordinariamente a nosa actividade: uns tipos de interese baixos, unha competencia bestial e un mercado que non medra forman un cóctel perfecto para que as entidades que non estean moi ben xestionadas pasen problemas. É moi difícil saber ata onde foi mala xestión e ata onde foi o contexto. Hoxe custa rendibilizar os depósitos que captamos en investimento que non medran porque hai escaseza de xente á que prestar.

Comentarios