Nova etapa no PSOE

Os "alcaldes do cambio" chaman a seguir "coa alegría do primeiro día" no seu segundo aniversario

Noriega, Ferreiro e Suárez ven "positivo" o balance da primeira parte dos mandatos e esperan consolidalos na outra metade
Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez, este domingo
photo_camera Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez, este domingo

Santiago acolleu este domingo unha romaría organizada por Compostela Aberta para celebrar o segundo aniversario do seu goberno nun acto que tamén serviu para conmemorar a chegada ás Alcaldías da Coruña e Ferrol das mareas municipalistas.

Ata a capital galega desprazáronse os rexedores destas cidades, Xulio Ferreiro (A Coruña) e Jorge Suárez (Ferrol), quen, co alcalde compostelán, Martiño Noriega, exercendo como anfitrión, participaron nunha celebración que, como declarou este último, "serve para facer un exercicio de memoria" para "gañar o futuro".

O tres alcaldes das "cidades do cambio" atenderon aos medios antes do inicio da festa, na que tamén puido verse ao viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez. Luís Villares foi unha das ausencias aínda que, segundo Noriega, estaba convidado do mesmo xeito que "todo o espazo de ruptura".

"As celebracións serven para facer un exercicio de memoria, saber de onde vimos e gañar o futuro. Chegamos para quedarnos, non somos intrusos. Somos un movemento social irreversible", declarou o rexedor da capital galega, que remarcou que os gobernos das mareas teñen a obrigación de "exercer de cidade".

A CORUÑA: "MODELO DE CIDADE PRÓXIMA". Así, a preguntas dos medios, o rexedor herculino, Xulio Ferreiro, fixo balance sobre os seus dous primeiros anos á fronte de María Pita, que cre que foron "razoablemente positivos", xa que A Coruña deixou "de ser noticia por leas xudiciais ou por cuestións negativas".

Deste xeito, destacou que o emprego "crece" nunha cidade que recibe cada ano máis visitantes, o que axuda a situar A Coruña como un destino turístico "a nivel do Estado e máis aló". Ademais, mostrou a súa confianza en "pechar moitas das cousas que se foron abrindo" durante a primeira parte do mandato nos dous próximos anos.

"Estamos moi esperanzados en que o modelo de cidade próxima siga calando na xente e poder sacar adiante os proxectos. Queremos unha cidade mellor, máis inclusiva e onde os veciños poidan vivir en mellores condicións", manifestou Ferreiro.

A continuación, tras ser preguntado sobre se estes dous anos supuxeron un choque contra a realidade das institucións para as mareas, Ferreiro expresou que Marea Atlántica está en disposición de alcanzar ao final do mandato "un nivel de cumprimento superior ao 90 por cento" do programa electoral co que concorreron ás municipais de 2015.

SEMANA COMPLICADA EN FERROL. Pola súa banda, o rexedor ferrolán, Jorge Suárez, logo dunha semana complicada na que a concelleira de Ferrol en Común Esther Leira expresou publicamente as súas desavinzas co alcalde; cualificou a situación política do consistorio como "épica" en lugar de "dramática".

No entanto, emprazou ao ámbito interno da marea ferrolá para debater as diferentes abertas entre os seus membros, á vez que fixo un chamamento a "facer fronte común" no concello departamental, unha cuestión "importantísima" no que debe incluírse a BNG e ao PSOE, a pesar de "todas as dificultades" que ten este último partido na cidade.

"Seguiremos traballando para manter esa unidade. Ás veces non é tan fácil como un quixese", confesou Suárez. En canto ao balance da primeira metade do mandato, indicou que foron dous anos "moi intensos" a pesar de que de antemán sabían "que non ía ser fácil" a aterraxe nas institucións.

No entanto, ve nas mareas un proxecto que "no futuro vai frutificar" porque se seguen pondo "banzos na escaleira", polo que chama a "seguir adiante coa alegría do primeiro día". 

Comentarios