"Os académicos, sen excepción, están entregados a sacar adiante a cultura do país"

"A sociedade galega ten que saber que non estamos de adorno"

Víctor Freixanes participou en Pontevedra nunha homenaxe ó escritor finado Suárez Abel. O presidente da RAG fala, desde a cidade da súa nenez, da nova andaina ó fronte da institución, da lingua galega e do seu futuro
O presidente da RAG, Víctor Freixanes, no Café Moderno.
photo_camera O presidente da RAG, Víctor Freixanes, no Café Moderno.

O CAFÉ MODERNO é para o presidente da RAG máis que o café de Castelao, e máis que un símbolo da modernidade e a cultura en Pontevedra. "Era o café onde os meus pais nos traían de nenos", di Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951). O presidente da RAG escolle unha esquina do Moderno para facer a entrevista. Xusto aquel desde onde cando era un cativo vía Rintintín na televisión canda seu irmán José, mentres o seu pai e a que sería a súa futura nai falaban. "Eses cafés teñen moito que ver cos inicios da industria cultural en Galicia", subliña. 

Que lle parecería unha presidenta para a RAG?
A miña ilusión e o meu traballo foi que a Academia tivera a unha muller de presidenta. Para min a candidata era Rosario Álvarez, pero ela non quixo. E hai unha cousa que digo sempre, a cultura galega é a única que coñezo no mundo que ten como bandeira unha muller, Rosalía de Castro. Non hai outra.

Recursos: "É unha hipocrisía pedirlle a Academia responsabilidades e que teña que sobrevivir orzamentariamente"


En canto asumiu o novo cargo tomou como principais retos achegar a Academia da Lingua á sociedade e facela transparente.
A Academia unha institución tan discreta que ás veces parece un adorno que temos neste país, 110 anos de adorno. A xente ten que saber que non é así. Queremos poñer en marcha un escaparate do fondo da Academia que permita atopar alí as primeiras ilustracións das ‘Laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ debuxadas por Luís Seoane. Explicar quen é quen e que haxa unidades didácticas para as escolas. Esa dinamización é o obxectivo dos vindeiros catro anos. A sociedade ten que ser consciente do que temos aí. Mira, cando me elixiron presidente e cheguei a Facultade unha alumna moi espelida dixo: "Por que non lle dades unhas vacacións a Rosalía e a Castelao e nos escoitades a nós?". Pois si, queremos promover encontros dos profesionais do xornalismo, escritores novos cos académicos e escoitalos.

Lingua: "A lingua galega é a nosa marca, o que permite que un viño sexa albariño, o que lle dá identidade ó pulpo á feira"


Falan de falta de recursos.
Paréceme unha hipocrisía estarlle pedindo a Academia responsabilidades e dicir que temos que abordar non sei que liñas de investigación e e ter que sobrevivir orzamentariamente. A RAG non chega ó millón de euros de orzamento. A academia euskera tres, e o instituto catalán dez. Sabes cantas consultas ten o dicionario da RAG cada día?

... Centos? Miles?
62.000. Hai unha demanda social obxectiva de consultar cal é a situación normal do idioma para usalo correctamente en ámbitos moi diversos. A iso súmalle o que é o patrimonio cultural, a onomástica, a toponimia, a dinamización do idioma, o Día das Letras Galegas... Hai que abordalo todo e non temos recursos. E cando vas ás institucións parece que andas a pedir esmola. A nivel privado, non conseguimos nin Abanca nin Inditex. E quedamos tan desmantelados das institucións financeiras en Galicia que, onde petas?

Comentarios