Adeus á campaña na que Pasarón gañou a liga da ilusión

O equipo ten previsto adestrar o mércores en Pasarón e establecerá esta semana o seu itinerario de traballo para planificar o próximo curso
Luisito baixa do autocar despois do longo desprazamento desde Murcia
photo_camera Luisito baixa do autocar despois do longo desprazamento desde Murcia

A última viaxe da temporada 2016-17 rematou o luns ás once da mañá, cando a expedición do Pontevedra Club de Fútbol chegou da viaxe de regreso de Murcia, trala disputa do encontro de volta da primeira eliminatoria do play-off de ascenso a Segunda División.

O bloque de Pasarón porá fin á temporada esta semana coas últimas sesións de adestramento no campo de Pasarón, despois dunha temporada chea de grandes sensacións nas que o equipo da cidade do Lérez volveu ilusionar aos seus seareiros coa consecución dunha praza entre os catro mellores da temporada e de meterse no play-off de ascenso ao segundo ano de retornar á división de bronce do fútbol español.

O club granate aínda non comezou a rolda de diálogos cos futbolistas para manifestarlles as súas intencións de futuro

A dificultade da súa eliminatoria contra o poderoso Real Murcia, letal no partido de ida en Pasarón, no que apreveitou ao máximo os erros cometidos polo PCF, privouno de seguir avanzando fases en dirección ao ascenso.

Agora chega a quenda das negociacións da dirección deportiva do club, na que o adestrador, Luisito, e o responsable de área técnica do consello de administración, Roberto Feáns, terán que afinar para compoñer o mellor plantel posible de cara ao curso 2017-18 en base ás directrices establecidas pola presidenta, Lupe Murillo.

Está prevista unha reunión do propio Feáns e Luisito na que dialogarán sobre as necesidades do plantel e os obxectivos, e a partir de aí comezarán os diálogos cos deportistas do primeiro plantel.

Das boas novas do exercicio deportivo cabe destacar a comuñón do conxunto granate coa afección. En grande medida foi debido ao excepcional rendemento ofrecido polo once pontevedrés para vencer e convencer no seu estadio.

Roberto Feáns e Luisito teñen previsto reunirse para establecer obxectivos e prioridades do primeiro equipo

Entre os logros do Pontevedra como local, pasará a historia o mellor inicio na casa de Segunda B. O equipo preparado por Luisito encadeou nove vitorias. Entre a segunda e a décimo oitava xornada do curso, foron pasando pola cidade o Mutilvera, o Palencia, o Izarra, o Racing de Ferrol, o Lealtad, o Osasuna B, a Ponferradina, o Somozas e o Boiro. Todos caeron. O Caudal de Mieres foi o primeiro e único conxunto da primeira metade do campionato que puntuou no estadio do barrio do Burgo.

Ese nivel como local permitiu ao once mergullarse nas prazas de fase de ascenso desde a décima xornada e non baixar desa posición ata o remate do curso.

As maiores carencias do equipo manifestáronse lonxe da casa, onde os granates foron irregulares e só venceron tres duelos: contra o Tudelano e a Arandina na primeira volta e fronte ao Lealtad na segunda metade do campionato. Na segunda volta a puntuación do cadro de Luisito foi inferior á da primeira, o que provocou que houbese suspense para obter a consecución do pasaporte para a promoción ata o remate do curso.

MARIO BARCO. A lesión de Mario Barco sumouse á de Iker Alegre e restoulle recursos ao once pontevedrés na segunda volta.

Ademais de volver poñerse de manifesto a capacidade competitiva dos equipos preparados por Luisito, algúns xogadores ofreceron un rendemento tan elevado que se revalorizaron.

Miguel Loureiro e Bruno reivindicáronse como novas promesas. Edu e Kevin afianzáronse como referentes na categoría. Pasarón coñeceu tamén a homes dunha gran regularidade como Bonilla, Trigo e Añón ou un enorme talento, como Álex González.

Comentarios