Amalia Bóveda protagoniza un novo encontro de Conversas na UVI

O xornalista de Diario de Pontevedra Serafín Alonso entrevistará á filla de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez este martes
Amalia Bóveda, xunto a Valentín García Bóveda
photo_camera Amalia Bóveda, xunto a Valentín García Bóveda

A mestra e filla de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez conversará a tardiña do martes co xornalista de Diario de Pontevedra Serafín Alonso nunha nova cita de Conversas na UVI, un ciclo organizado polo Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e Diario de Pontevedra no que xornalistas deste medio realizan entrevistas pausadas a personaxes relevantes da vida pontevedresa.

Os encontros pretenden crear un espazo tranquilo e pausado, lonxe do balbordo da actualidade 

Amalia Bóveda é unha delas, por iso estará este martes na Casa das Campás. Entre todo o que ten que contar, Amalia falará de como os falanxistas lle roubaron a seu pai antes de que puidese coñecelo, do sufrimento da súa nai e dos anos de medo que seguiron ao golpe de Estado de 1936 e á Guerra Civil. A filla de Alexandre Bóveda, fundador do Partido Galeguista e asasinado na Caeira o 17 de agosto de 1936, forma parte da historia máis t r á x i c a d e Pontevedra e o seu testemuño é historia viva da cidade do Lérez.

A entrevistada tamén falará da súa nai, Amalia Álvarez, que quedou viúva con catro fillos e embarazada da propia Amalia. As peripecias da viúva para sacar adiante á familia ou o acoso ao que se viu sometida por non comulgar co réxime Franquista tamén terán espazo na charla que se celebra o martes na Casa das Campás, na que a entrada é de balde.

"Trátase dun personaxe singular da historia de Pontevedra, cunha memoria viva á que temos que suxeitarnos como unha referencia para a comunidade. Abofé que será unha das conversas máis entrañables e emotivas desta edición de Conversas na UVI", explica o organizador do ciclo, Ramón Rozas, sobre a convidada deste encontro.

A sexóloga Ana Castro Liz e o adestrador de balonmán Víctor García Pillo serán os próximos convidados a Conversas na UVI

Polas butacas do edificio pontevedrés xa pasaron ao longo desta edición outras personas relevantes da cidade, como a académica e mestra Fina Casalderrey, entrevistada por María Varela; o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, que falou con Rodrigo Cota; o escritor Juan Tallón, que falou con Rafa Cabeleira, e o historiador e militar Xosé Fortes, que sentou a conversar con Bernardo Sartier. A finalidade destes encontros é ofrecer un espazo relaxado de reflexión onde conversar sobre a traxectoria vital dalgunhas das persoas que destacan no eido das artes, a política ou o deporte en Pontevedra. Trátase de atopar un lugar alonxado do balbordo da actualidade, que a miúdo non deixa tempo para pensar de xeito pausado.

CONVERSAS PENDENTES. Aínda quedan dúas citas máis desta edición do ciclo Conversas na UVI. A primeira delas terá lugar o vindeiro 20 de xuño (20.00 horas), tamén na Casa das Campás. A xornalista, guionista e columnista en Diario de Pontevedra Diana López Varela entrevistará á sexóloga e psicóloga Ana Castro Liz. Falarán de sexualidade, feminismo e psicoloxía no que será o penúltimo encontro da tempada deste ano 2017.

A última conversa estará adicada ao deporte coa participación do adestrador do equipo Frigoríficos do Morrazo Cangas de Balonmán, Víctor García Pillo que vén de salvarse in extremis do descenso e permanecerá na máxima categoría, a Liga Asobal, na próxima temporada. Pillo conseguiu tamén o ascenso de equipos pontevedreses como o Cisne ou o Teucro.

Comentarios