Pontevedra cede a Huesca o testemuño para a xunta de Cidades dos Nenos

Os participantes no Encontro da capital do Lérez concluíron que "recuperar o espazo público para os cidadáns é un dereito irreversible"
Algunhas actividades celebradas no Pazo da Cultura
photo_camera Algunhas actividades celebradas no Pazo da Cultura

Aínda que para este sábado están previstas unha serie de visitas turísticas a diferentes puntos da provincia, a Deputación deu por concluído onte o Encontro da Rede Española de Cidades dos Nenos celebrado desde o pasado xoves en Pontevedra.

A vindeira edición terá lugar en Huesca e, ademais de acoller a reunión anual de 2018, a cidade aragonesa tamén organizará un seminario de formación para as entidades adheridas. Ata entón, e segundo indicou o Goberno provincial, a xuntanza celebrada en Pontevedra permitiu obter unha serie de conclusións de moita utilidade para todos os participantes. Unha delas é que "a recuperación do espazo público é un dereito dos cidadáns beneficioso para todos os integrantes das cidades e irreversible".

A xornada deste venres incluíu tres seminarios para desenvolver e debater os traballos realizados nos diferentes concellos e entidades: o de planificación compartida, xogo e espazo público; o consello dos nenos e o de autonomía.


Unha das conclusións é que  "é fundamental á hora de redeseñar os espazos contar coa participación da cidadanía"


No primeiro subliñouse que "a filosofía e o proxecto de 'Cidades dos nenos e nenas' que propón Francesco Tonucci ten que estar obrigatoriamente apoiada nunha aposta política valente na que a prioridade sexa a recuperación do espazo público para as persoas". Segundo resumiu a Deputación, "a primeira e máis importante conclusión é que a utilización do espazo polos cidadáns é un dereito que se volve irreversible: unha vez que unha área se restrinxe aos vehículos, todos os cidadáns, e particularmente os nenos, benefícianse".

Outra das conclusións asumida por todas as entidades presentes é que "é posible recuperar o espazo público en todas as cidades, independentemente do seu tamaño: dende pequenas vilas a grandes núcleos, sempre adaptando as fórmulas ás singularidades de cada lugar". Por outra parte, no caso das vilas nas que o modelo xa está implantado nos núcleos urbanos, "a aposta é trasladalo, como no caso de Pontevedra, tamén ás zonas do rural", aclarou o Goberno provincial.

Outra das conclusións é que "é fundamental á hora de redeseñar os espazos contar coa participación da cidadanía —cos nenos como cidadáns con pleno dereito— en cada un dos proxectos e que é preciso xerar espazos de uso compartido e non segregado para a convivencia".

Paralelamente, con respecto aos consellos dos nenos concluíuse que estes "deben ser unha ferramenta para o alcalde de cada municipio co fin de transformar a cidade, xa que o proxecto 'Cidade dos nenos e nenas' debe aplicarse dende todas as áreas de goberno, non só o urbanismo, senón tamén a educación, a xuventude, a promoción económica...". En canto ao formato, a principal aposta é implicar á comunidade educativa para que, preferentemente a través de sorteos, escolla aos escolares que formen parte do consello que realizará propostas ao Goberno local e a periodicidade das reunións débese decidir en función do tamaño de cada municipio.

Finalmente, no seminario de autonomía falouse das dificultades para que os pais perdan os medos sobre o desenvolvemento dos cativos no seu contorno. Por este motivo, sinalouse a necesidade de "actuar recuperando o espazo público de forma contundente, tendo en conta a participación con catro eixos: as administracións, as familias, as escolas e comunidades e a sensibilización.